O CDG estrea "Un hotel de primeira sobre o río"

Gonçalo Guerreiro e María Torres levan ás táboas a obra de Xohana Torres para a compañía pública

Gonçalo Guerreiro e María Torres levan ás táboas a obra de Xohana Torres para a compañía pública
imaxe da representación Fotografía:MIramemira para CDG
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá este venres a estrea da nova produción propia do Centro Dramático Galego, "Un hotel de primeira sobre o río", que estará en cartel ata o 30 de abril na sede da compañía pública. A montaxe supón a primeira produción profesional sobre un texto teatral de Xohana Torres (1929- 2017), autora de referencia imprescindible na literatura galega contemporánea que traballou a narrativa, poesía e a dramaturxia. O CDG, dentro do seu programa de producións propias recupera para as táboas á autora con esta obra, cuxa montaxe dirixen Gonçalo Guerreiro e María Torres (da compañía teatral Elefante Elegante) contando cun elenco conformado por Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga. Carolina Díguele deseñou o vestiario e a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro, a composición musical, e Nacho Martín, a iluminación. Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, acompañaron o equipo do espectáculo na presentación a algúns medios que tivo lugar na sede do centro teatral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Segundo o avanzado desde a Axencia galega de Industrias Culturais, a adaptación de Gonçalo Guerreiro e María Torres explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un "carácter visionario" que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural. En 'Un hotel de primeira sobre o río', o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición, explican desde o CDG. O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase, así mesmo, na escenografía de Gonçalo Guerreiro, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes. Tras das representacións na súa sede na capital galega, a compañía pública retomará a dinámica de distribución e de xiras levando a nova produción a Vigo, Póvoa do Varzim (Portugal), Vimianzo, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Narón e A Coruña. Dous pases escolares hoxe e o xoves, precederán á estrea a público xeral.