A compañía Sarabela Teatro estreará o vindeiro día 21 en Ourense a súa nova montaxe Crónicas do paraíso. O texto de Fernando Dacosta para a nova produción baséase abertamente na historia das Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro na que un grupo de misteriosos viaxeiros compartían unha carruaxe viaxando por Bretaña. Gonçalo Guerreiro dirixe estas Crónicas do Paraíso nas que subirán aos escenario o propio Fernando Dacosta xunto a Sabela Gago, Fina Calleja, Fran Lareu e Elena Seijo. A estrea farase no Auditorio Municipal de Ourense onde a obra se representará tamén o domingo 22. Esta premiere chega nun momento no que hai un enfrontamento do Concello de Ourense co tecido teatral e máis concretamente coa compañía Sarabela como organizadora do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) ao que actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, decidiu retirar o apoio. Neste contexto a estrea se presenta como unha oportunidade de Sarabela de reivindicar a importancia do teatro para a cidade e do público de amosar o seu apoio contrario á decisión do alcalde.