Empate entre 'A.K.A.' e 'Jauría' no premio do público da MIT de Ribadavia

O éxito de visitantes marca un punto de proxección que esixirá máis recursos para o futuro

O éxito de visitantes marca un punto de proxección que esixirá máis recursos para o futuro
Imaxe de 'Jauría' Foto: MIT
A 35ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia baixou o pano despois de dez días nos que o publico galego e foráneo respondeu con intensidade facendo crecer a cita en diversidade e convivencia. No reparto do palmarés dous espectáculos tiveron que compartir, por empate, o premio do público do 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as) de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación. Por outra banda, Kamikaze, na liña do teatro documento que marcaba a edición da MIT este ano, encheu o Auditorio do Castelo e recibiu un gran aplauso por Jauría, espectáculo creado a partir do auto xudicial do caso de La Manada e que en Ribadavia presentou un novo final para a peza despois da sentenza xudicial recentemente coñecida.

Segundo a organización a de 2019 foi unha edición especial, de proxección e consolidación exterior, de ampla difusión en medios, de coproducións galegas e grandes referentes internacionais, co apoio institucional da inauguración por parte do Presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo. A MIT afronta retos futuros con todo este respaldo e o aumento da recadación de venda de entradas. En vindeiras edicións, o festival promoverá conseguir máis recursos para realizar máis funcións (que o público non quede fóra en espectáculos de formato reducido) e mellorar os servizos existentes. Tamén está en marcha a elaboración dun documental moi especial sobre os 35 anos e cuxas entrevistas e elaboración do guión xa se puxo en marcha aproveitando a actividade deste ano de celebración. Dirixido e producido por Ainhoa e Blanca, de A&B, comunicación e deseño, este orixinal documental será a súa ópera prima.