Mapa de desexos amosa 88 obras de Seoane na Coruña

A Fundación que leva o nome do artista abre hoxe esta exposición

17/7/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións

A Fundación Luís Seoane da Coruña homenaxea o creador que lle dá nome no ano en que se lle dedicou o Día das Artes. Este 17 de agosto abre as súas portas Mapa de desexos, unha grande exposición que recolle 88 traballos do pintor, debuxante e deseñador con comisariado de Silvia Longueira. O proxecto artéllase a partir da selección que máis de cen persoas fixeron de cadansúa obra de Seoane. Segundo explica o web da Fundación convidouse "a unha serie de persoas relacionadas coa cultura, as artes plásticas, a docencia, o deporte, etc., a escoller unha obra pertencente ao legado da Fundación Luis Seoane e relacionala cunha idea ou co termo que esta lles suxira" a partir de setecentas pezas entre óleos, gravados, carteis e debuxos.

Que che parece esta nova?
33 lecturas 0 reaccións
Compartir:

Deste xeito, a selección final "é froito dun comisariado colectivo no que se mesturan diferentes puntos de vista, que van desde un fondo coñecemento do significado do traballo de Seoane á súa convivencia con iconas contemporáneas, ou a súa asociación co eido profesional ou as experiencias de cada un dos participantes". O proxecto complétase coa proxección da curtametraxe de animación Homenaje a la Torre de Hércules, desenvolvida por Esferobite no ano 2004 con motivo da mostra do mesmo nome dedicada ao célebre álbum de debuxos deste autor. A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 3 de novembro.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con A Coruña, Luís Seoane, Fundación Luís Seoane, Torre...

Claves

Protagonistas
Conceptos