A Fundación Seoane exhibe a mostra do pintor co gallo do seu aniversario

De nove a nove con Seoane

Son xa 23 os anos desde que Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979) finou. Pero a súa obra está máis viva ca nunca. E precisamente hoxe, coincidindo coa data do seu pasamento, a Fundación que leva o seu nome pretende homenaxealo cunha mostra que abre de nove da mañá ás nove da noite e que exhibe debuxos, gravados, óleos, témperas e outras obras do pintor coruñés. Unha pequena que formará parte da colección permanente da sé que a fundación Seoane estreará a finais de ano.

Actos de celebración




A Fundación Seoane quixo dar un adianto dos fondos que serán parte da exposición colectiva que se exhibirá na sé que inaugurará a finais de ano. E para iso escolleu unha data significativa, a do día do seu pasamento, para exhibir (en horario de nove a nove) unha pequena escolma de toda a súa vasta producción gráfica. E non só iso, durante todo o día persoeiros do mundo da cultura e da política sucederanse para dar lectura a algúns textos escritos polo polifacético artista.

A Fundación, provisionalmente sita na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, abrirá hoxe as súas portas en horario continuado para todos os que se queran achegar.












Unha fundación con sé para decembro





Se todo segue e se rexe en función dos prazos marcados polas obras de remodelación a Fundación Seoane contará con sé propia en decembro deste ano. E o lugar escollido para acoller a obra de Seoane é o antigo cuartel de Macanaz, un espacio que compartirá coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo.
As obras que se exhiben na mostra de hoxe son só unha pequena parte do que pretende recuperar a institución que nace coa vocación de converterse nun centro de Arte Contemporánea. De feito, este organismo que xurdeu en 1996 ten como fixado como principais obxectivos non só difundir e exhibir a obra de Seoane (a través dunha mostra con carácter permamente), senón que ademais pretendecreación dos mecanismos indispensables para a súa dinamización cultural: por unha banda estudiando, dignificando e espallando a obra e a figura de Luis Seoane, e por outra atraendo cara á Fundación as manifestacións máis interesantes da arte actual.





Un artista con fonda significación


É a figura de Luís Seoane unha desas figuras claves e activas fondamente preocupadas pola recuperación da cultura. A el se lle debe a fudnación das editoriais Resol con Arturo Cuadrado en Compostela, Emecé Editores, Citana ou a Editorial Nova (aínda que esa última tivo lugar en Bos Aires, cidade onde naceu o artista en 1910). Seoane foi creador plástico ( a el se lle debe o famoso cartel de Cinzano, por poñer un dos seus traballos máis coñecidos), escritor (en 1952 publicou "Fardel de Exiliado", co que se iniciaría e ó que lle seguirían "Na Brétema", "Sant-Igo", "As cicatrices", e "A maior abondamento".

Pero falar de Seoane implica non esquecer que foi un dos artífices do Labortario de Formas de Galicia que fundaría en 1968 con Isaac Díaz Pardo.

A súa vasta obra, o seu aberto pensamento, a súa sorprendente diversificación ou as súas importantes iniciativas veñen a convertelo na memoria cultural do Século XX.