Pontevedra, Allariz e Ribadeo sacan os libros á rúa esta semana

As tres vilas presentan os seus propios formatos de feiras e mercados libreiros

Esta semana serán tres as localidades que porán en marcha cadanseu evento arredor dos libros e a lectura poro fóra do calendario das feiras do libro organizadas desde a federación de Libreiros co patrocinio da Xunta de Galicia. Pontevedra, Allariz e Ribadeo inauguran estes días as súas propias versións do mercado que saca os libros á rúa na busca dos seus lectores, do mesmo xeito que fixo a pasada edición da SELIC en Santiago, buscando un modelo diferente ao do circuíto autonómico. Trece librarías pontevedresas participan na Festa dos Libros organizada desde o Concello de Pontevedra na praza da Ferreiría entre os días 5 e 7 de xullo. Ata setenta autores de todo o Estado acudirán a Pontevedra a presentar obras e participar en diversas actividades como mesas redondas e sinaturas das súas obras. Carlos Bardem, Manuel jabois, Manuel Rivas, Antón Lopo, Ledicia Constas ou Eli Ríos estarán alí entre outros moitos na terceira edición deste evento.

Nos mesmos tres días (5, 6 e 7) a localidade lucense de Ribadeo terá en fucionamento a súa cuarta edición do seu propio evento feiral libreiro, Letras no Campo. A poeta e xornalista Olalla Cociña (Viveiro 1979) lerá o pregón de o venres e despois seguirán tres xornadas con diversas presentacións e actividades. O evento conta coa participación de seis librarías e tres editoriais. Ao igual que en Pontevedra, tamén en Allaríz este será o terceiro ano no que o Concello organiza o Mercado do Libro Novo e Vello na vila, o seu propio modelo tamén en colaboración coa Editorial Aira e o coworking BenComún Espazo. O Mercado dun só día, terá lugar na Alameda de Allariz e participarán unha ducia de expositores que ofrecerán as últimas novidades en literatura, cómics, banda deseñada, ilustración, poesía e libro infantil e xuvenil, ademais de venda de libros de segunda man. Durante a xornada, tamén se celebrarán varias presentacións de libros e os máis pequenos gozarán da actuación do contacontos MOC.