Trece concellos acollerán as Feiras do Libro de Galicia

O concello de Outeiro de Rei crea a súa propia cita cos libros

Entre abril e agosto deste ano trece concellos galegos transformarán as súas rúas, prazas e espazos de lecer en espazos literarios, sacando as librarías á rúa e programando contacontos, presentacións, charlas, mesas redondas e todo tipo de actividades para achegar a lectura a todos os veciños e veciñas. Así é o calendario de Feiras do Libro de Galicia que presentaban a Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O comezo terá lugar o día 25 deste mesmo mes na Praza da Constitución de Ferrol e pecharase o calendario o 23 de agosto en Monforte de Lemos segundo presentouse nun acto na Cidade da Cultura de Galicia.

Este ano o lema elixido para as Feiras do Libro de Galicia é "Onde florecen os libros", un concepto especialmente visual que reflicte a realidade das feiras do libro: espazos onde a literatura agroma e crece, transformándose en infinitas propostas lectoras de todo tipo, como as propias flores silvestres no campo, ofrecendo propostas axeitadas para cada tipo de lector e enchendo de cor a imaxinación. O cartaz deste ano, en colaboración con AGAPI, como no 2024, correu a cargo da ilustradora María Lapido, quen, traballando coa súa particular técnica, foi quen de reflectir na creatividade o concepto.

O concello lucense de Outeiro de Rei, pola súa banda, celebrará mañá, día 22, a súa primeira feira do libro propia. Nunha iniciativa do servizo bibliotecario do Ceip Laverde Ruíz o Concello apoia esta nova oferta cultural, que, en horario de mañá estará dedicada ao alumnado do centro, pero xa pola tarde estará aberta ao público en xeral, Así, de 15.30 a 19.00 horas, esta Feira di Libro ofrecerá actividades e acudirán a asinar exemplares das súas obras o escritor friolés Jordi Cicely, a coruñesa Abril Camino e a autora Rocío López, de Láncara.