Este venres estréase en cines 'Elisa y Marcela'

Seis salas galegas proxectarán a historia de primeiro matrimonio homosexual de España ocorrida na Coruña

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:
Este venres estréase en cines 'Elisa y Marcela'

Elisa y Marcela, a película de Isabel Coixet producida pola compañía compostelá Zenit TV, chega esta fin de semana ás salas de cine. O filme gravado en español, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 -no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España— está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández. Xunto a elas, completan o reparto nove actrices e actores galegos: María Pujalte, Tamar Novás, Sara Casasnovas, Roberto Leal, Manuel Lourenzo, Luisa Merelas, Mariana Carballal, Elena Seijo e Cova Verdiñas. As secuencias rodadas en Galicia rexistráronse en paraxes repartidas nas provincias de Ourense (Boborás, Pazos de Arenteiro, Moldes e Celanova) e da Coruña (San Xulián de Bastabales, praia da Aguieira e montes de Portosín e mais Luaña). Despois de terse presentado na pasada Berlinale, a estrea será a partir deste venres 24 en seis cines galegos, ademais dos pases previstos en Madrid, Barcelona e Málaga. Na nosa Comunidade, as salas que proxectarán a película son Numax, en Santiago de Compostela; Multicines Norte, en Vigo; Cantones, na Coruña; Cines Xunqueira, en Cee; Cinexpo, en Pontevedra; e Cines Pontevella, en Ourense. Na plataforma dixital Netflix estrearase o 7 de xuño e para o vindeiro ano 2020 poderase ver en TVG, TV3, Canal Sur, Aragón TV, Castilla-La Mancha TV e Televisión de Canarias. A película tivo un orzamento que supera os 1,6 millóns de euros ao que contribuíu unha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de 240.000 euros.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito