Falece en Ribadumia aos 85 anos o artista plástico Eiravella

O pintor e escultor pontevedrés ten obra en varios museos e coleccións

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteNecrolóxicas
Compartir:
"Festa  no camiño San Xoán de Portas" Eiravella, 1977  Colección AFundación

"Festa no camiño San Xoán de Portas" Eiravella, 1977 Colección AFundación

Aos 85 anos de idade falecía o pasado día 18 de maio en Ribadumia o artista plástico coñecido como Eiravella. O seu nome verdadeiro era Juan Otero García (Portas, Pontevedra, 1934- Ribadumia, 2019) aínda que popularizou o pseudónimo de Eiravella, que procede da súa aldea natal. Autodidacta por completo, Eiravella traballaba indistintamente pintura e a escultura. Residiu un tempo en Bélxica, onde deixou unha extensa obra. Realizou numerosas exposicións individuais e colectivas. A súa obra está representada nos museos de Galicia e mais en coleccións de institucións particulares. Segundo consta na ficha que sobre el presenta AFundación, que posúe parte da súa obra, Eiravella é un pintor de liña "inxenuísta", que semella inspirarse en vellos manuscritos así como en ilustracións de libros piadosos. Quizais se poida emparentar con Chagal pese a que a "anxelicidade" das súas escenas imposibles con seres que levitan ou andan polo espazo, arquitecturas ingrávidas e transparentes, mundos soñados, son por completo persoais, de execución simple, ou, mellor, simplificada, a base dun debuxo elemental e dun cromatismo delicado. A escultura deste artista parte directamente do románico e aínda das formas ibéricas; liñas curvas, volumes rotundos, dozura nas expresións, deliberada desproporción nos canons danlle unha personalidade inconfundible. Desde a colección de Afundación afirman que son “magníficas as súas tallas directas posto que posúe un grande dominio da artesanía”.

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museos, Afundación, Debuxo, Exposicións...

Claves

Entidades