A Deputación de Ourense dá a coñecer os Premios Rodolfo Prada 2019

Os Festivais Agrocuir e Rebulir e mais José Antonio Viñas levaron os galardóns

A segunda edición dos Premios Rodolfo Prada á xestión cultural xa ten gañadores. A Deputación de Ourense daba a coñecer onte os recoñecidos con estes galardóns, nados co "obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega". Nesta xeira, o premio a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para o Festival Agrocuir da Ulloa, que desde hai cinco edicións reivindica a diversidade afectiva, sexual e de xénero no rural. O premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense coa seguinte xeira do proxecto cunha contía máxima de 3.000 euros.

Pola súa banda, o premio a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados levouno o Festival Internacional Rebulir, que fará este ano 14 xeiras dedicado ao traballo sobre a cultura tradicional. A asociación que o coordina recibirá a colaboración da Deputación por unha contía máxima de 2.000 euros. Finalmente, o premio para profesionais da xestión cultural foi para José Antonio Viñas Mira, director da Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, no ano que esta asociación cumpre 25 anos. Viñas obterá financiamento para unha bolsa formativa sobre xestión cultural cunha contía máxima de 1.000 euros.

Os galardóns están organizados pola Deputación de Ourense no marco da ICC Week e entregaranse este sábado 6 de abril no marco deste encontro de industrias culturais e creativas.