Os lugares da antropoloxía

Diferentes espazos institucionais, asociativos e empresariais manteñen viva a disciplina nun contexto de precariedade

Diferentes espazos institucionais, asociativos e empresariais manteñen viva a disciplina nun contexto de precariedade
A etnomusicóloga Dorothé Schubarth en proceso de recollida. Fonte: Museo do Pobo
Malia á súa ausencia de académicas e institucións, a antropoloxía continúa viva en Galicia. Sen grao nin posgrao propios a paisaxe da disciplina componse dunha serie de iniciativas e proxectos modestos. Asociacións, museos ou mesmo empresas aparecen como espazos de referencia para a práctica a divulgación e o desenvolvemento desta disciplina.

Malia á súa escasa presenza en organismos públicos e académicos do país, a antropoloxía conta cunha serie de espazos nos que a disciplina mantén a súa presenza. Nunha situación polo xeral precaria desenvólvense investigacións e aplícanse coñecementos desta área a amosar o potencial que pode achegar á sociedade.

A UNED
Un dos factores que máis está a contribuír a mudar a situación desta ciencia no noso país é a existencia desde 2003 dun grao en Antropoloxía Social e Cultural na Universidade Nacional de Educación a Distancia. Esta formación, que se pode cursar nas delegacións da Coruña e de Pontevedra, está facer que se multiplique o número de titulados en Galicia. "Agora mesmo a xente que se está a licenciar vén da UNED", lembra Cristina Sánchez-Carrretero, presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro). Este modelo, no entanto, non é ideal, segundo advirte Rafael Quintía, membro da directiva desta mesma entidade. "Ao ter que se formar fóra ou na UNED, os alumnos presentan carencias formativas en todo o que ten que ver coa antropoloxía galega, teñen que se formar despois pola súa banda".
Web do grao en Antropoloxía Social e Cultural da UNED

Universidades
Malia á ausencia de estudos regrados, continúa a haber nas universidades galegas espazos para a antropoloxía. Na de Santiago de Compostela, o Departamento de Filosofía e Antropoloxía conta con profesionais neste campo como son Nieves Herrero, Elena Freire, Guadalupe Jiménez-Esquinas e Xaquín Rodríguez Campos, mentres no de Historia desenvolve o seu traballo Mar Llinares. Na Coruña, o de Humanidades conta cos antropólogos Luís Alberto Gárate Castro, Enrique Couceiro e Antonio García Allut. Pola súa banda, na Universidade de Vigo Fátima Braña está adscrita ao departamento Análise e Intervención Psicosocioeducativa e David Casado Neira ao de Socioloxía. Boa parte destes profesionais imparten materias específicas sobre Antropoloxía en diferentes carreiras, ademais de desenvolver ou titelar proxectos de investigación.

O Incipit
O Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas, revélase na actualidade como outro dos escasos espazos nos que é posible desenvolver un labor de investigación neste campo nos nosos días. Segundo explica Sánchez-Carretero, coordinadora da sección de antropoloxía desta entidade, "hai bastantes persoas a facer teses de doutoramento, pero temos problemas para os estabilizar despois. En xaneiro marchou para Suecia Rui Blanes, un doutor ao que lle ofertaron un posto de traballo na universidade de Göteborg, nós non tiñamos xeito de o manter aquí", lembra. Canda a el, seis persoas con investigacións en fase predoutoral neste campo completan o quiñón de antropoloxía do centro. "Temos a Joan Roura-Expósito, Ana Ruiz-Blanch, José Muñoz-Albaladejo, Paula Ballesteros e logo dúas persoas que contan cunha bolsa Marie Curie: a holandesa Anne Beeksma e a serbia Nevena Markovic", enumera a investigadora.
Web do Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas (Incipit CSIC)


Os museos
Espazos como o Museo do Pobo Galego, o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou o Museo Etnográfico Liste de Vigo foron durante anos fachos solitarios na presenza pública da antropoloxía e continúan a ser focos destacados da disciplina en Galicia. O colectivo de persoas asociadas ao centro compostelán, declarado pola Xunta "sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicos de Galicia", publican ademais Adra, un dos escasos exemplos de revistas dedicadas a este ámbito no país. "O Museo do Pobo é a casa da Antropoloxía en Galicia", recoñece Sánchez-Carretero. Canda a estes, existen outros espazos de carácter máis comarcal como a Casa do Patrón en Lalín ou con contidos vencellados á cultura tradicional como o Massó, o do Entroido ou o da Olería de Buño que achegan tamén contidos e poñen o foco neste campo.
Web do Museo do Pobo
Web do Museo Etnolóxico de Ribadavia
Web do Museo Liste de Vigo

A Mostra de Cinema Etnográfico
Coa súa última edición vida de rematar, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), promovida desde o Museo do Pobo, supón un espazo único para antropoloxía visual no país, a achegar producións foráneas e a permitir a exhibición de traballos do país neste eido. Precisamente nesta última edición, a Agantro comezou unha colaboración co evento a promover un premio propio. "É un galardón específico á investigación antropolóxica que se outorga a unha das producións a concurso. Polo momento non ten dotación pero agardamos conseguir recursos para que conte tamén cun premio en metálico", explica Sánchez-Carretero.
MICE no web do Museo do Pobo

As asociacións
O terceiro sector revélase como un dos espazos actualmente máis fecundos para a antropoloxía do país, tanto a nivel de proxección pública como de reivindicación. Nese sentido, Agantro está a se consolidar como a referencia para a representación e a defensa dos intereses profesionais neste campo. Os seus encontros anuais, para alén de abordar diferentes cuestións sobre a práctica e a teoría desta ciencia, serven tamén para facer un repaso das liñas de investigación en curso no país. Ademais, a asociación mantén presenza en diferentes foros desta disciplina, como a Asociación de Antropoloxía do Estado Español, e desenvolve accións de formación, divulgación e reivindicación que fan dela o auténtico punto de encontro do sector.
Facebook da Agantro

Pola súa banda, a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) desenvolve desde Pontevedra o seu labor como un grupo de traballo centrado na investigación e na divulgación, en particular de ámbitos do noso patrimonio inmaterial e arqueolóxico. Dentro destas liñas, a entidade publica o anuario Fol de Veleno, e acaba de recuperar a súa revista electrónica Caderno de campo. Ademais, organiza anualmente xornadas sobre antropoloxía e sobre o Entroido no noso país.
Web da SAGA

Empresas antropolóxicas
"As posibilidades para as empresas de antropoloxía son moi amplas, desde todo o traballo co patrimonio cultural ata cuestións de integración, inmigración, diversidade cultural ou conflitos sociais. Mesmo hai unha rama de antropoloxía empresarial da que se bota man moitas veces en fusións de empresas importantes para minimizar o choque entre diferentes culturas empresariais. Esta perspectiva pode axudar mesmo a artellar xeitos de traballo nestes espazos, explica Rafael Quintía. "Unha empresa non deixa de ser un grupo de seres humanos cos súas dinámicas internas e procesos de comunicación que conforman unha microsociedade na que a antropoloxía pode ser moi útil. Logo a antropoloxía urbana ten moito que dicir en procesos de xentrificación, humanización de espazos e moitos campos que pouco a pouco están a se visibilizar" neste campo. No caso concreto da súa propia empresa, Ab Origine, o campo de acción concéntranse especialmente en cuestións patrimoniais. "Facemos traballos de investigación etnográfica para recuperar tradicións como romarías ou danzas, e tamén desenvolvemos procesos de participación social nese mesmo sentido". A maiores "asesoramos empresas que teñen interese por integrar a cultura galega no seu traballo, e no campo da formación impartimos obradoiros e cursos". A isto súmase a produción cultural. "Temos unha editorial propia na que publicamos obras que teñen que ver co noso campo de acción e desenvolvemos vídeos ou documentais de contidos etnográficos ou históricos". Entre os proxectos máis recentes está o desenvolvemento dunha Escola de Antropoloxía que desenvolve diferentes propostas formativas para público xeral sobre esta disciplina e, en particular, sobre o coñecemento etnográfico do noso país. Boa parte destes contidos buscan completar a formación que achega a UNED.
Web da Ab Origine

Aínda que non especializada en antropoloxía, a cooperativa MaOs desenvolve boa parte do seu traballo neste campo. Esta firma de xestión cultural desenvolveu un importante Estudo sobre o patrimonio cultural da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Ademais, proxectos de investigación e recuperación sobre a memoria das mulleres en Pontevedra e Arzúa, unha recollida de arrolos en Rianxo, un documental sobre a Feira Cabalar de Francos, en Teo, e difernetes colaboracións cos Cafés da Memoria do Museo do Pobo fan parte do currículo desta cooperativa, que ademais fai parte da Asociación de Antropoloxía do Estado Español. A estas súmanse propostas xa desaparecidas que aplicaban a disciplina no campo da xestión cultural, a museoloxía ou o traballo co patrimonio inmaterial como eran Trespés ou Etnoga.
Repaso de iniciativas etnográficas no web de MaOs
Reportaxe sobre o traballo de MaOs co patrimonio do Xurés

Antropoloxía noutras empresas
"Estamos a ver que hai asociacións e empresas que comezan a botar man de antropólogos. Como científicos sociais damos unha serie de servizos importantes, como se fai noutros países onde esta é unha das carreiras con máis saídas", asegura Rafael Quintía. Lonxe do traballo sobre o patrimonio cultural, este coñecemento comeza a abrirse paso en novos ámbitos. Así, no último encontro de Agantro Cristina Nieto abordou a súa experiencia na aplicación da tecno-antropoloxía á empresa Design Thinking, centrada na xestión de procesos empresariais. De xeito similar, Xerardo Pereiro lembra o papel que xogou un antropólogo na expansión do grupo GADISA á China. "Esta campaña débelle moito a un investigador con formación en antropoloxía que contribuíu moito. Coñecía a lingua e tiña un importante dominio intercultural que facilitou ese traballo". Outros casos que salienta son os de Nancy Frey, que traballa na empresa turística On foot in Spain ou o de Marcos Lorenzo Gallego que aplica a disciplina a proxectos de xestión cultural no marco da cooperativa Bencuriosa.
Web de Design Thinking
On foot in Spain
Web de Bencuriosa


Premios
Galardóns como o Vicente Risco de Ciencias Sociais, o Ramón Piñeiro de Ensaio, o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo ou o recuperado premio Taboada Chivite están a promover a produción de monografías e dan a coñecer diferentes investigacións neste campo.


Estudos
Desde diferentes entidades, ou mesmo totalmente por libre, diferentes investigadores están a amosar o amplo abano de posibilidades desta disciplina. Entre as propostas máis recentes, pódense listar a Luzia Oca, co seu traballo sobre a integración das mulleres caboverdianas na Mariña, ao propio Xerardo Pereiro coas súas análises sobre turismo e patrimonio ou o labor de Rafael Quintía na evolución dos mitos galegos desde antes do cristianismo como algúns exemplos. Canda a eles, outros profesionais investigan diferentes campos, como é o caso de Guadalupe Jiménez Esquinas, que abordou na súa tese a relación entre o encaixe da Costa da Morte e a situación das mulleres, ou de Alberto Fidalgo, a traballar desde Brasil sobre relacións de poder. Paula Ballesteros, pola súa banda, céntrase na análise de paisaxe rural e agraria e das súas transformacións, mentres Bibiana Martínez está a estudar os traballos das granxas de leite. Os espazos de resistencia de Narciso Oubiña, Miguel Alonso cas súas producións de etnografía audiovisual en Saga, Duarte Fernández a abordar modelos de xestión de Procomún en pesca ou o traballo que desenvolveu Rui Blanes desde o Incipit sobre a memoria en Angola son outros exemplos das liñas que está a abordar na actualidad esta disciplina, aos que se poden engadir aínda o labor José López Riopedre a falar sobre prostitución ou o de Iria Vázquez Silva e co seu labor sobre violencia institucional machista. Como se pode ver, toda unha variedade de ámbitos que se encontran na ollada antropolóxica.




Programa do I Encontro de Agantro.
Programa do II Encontro de Agantro.