Antropoloxía: O saber que se perdeu

A disciplina á que se consagrou Antonio Fraguas fica fóra das universidades galegas

A disciplina á que se consagrou Antonio Fraguas fica fóra das universidades galegas
Sen apenas presenza nas universidades, con poucos profesionais a traballar no campo e cun escaso recoñecemento público, a antropoloxía social e cultural sobrevive de xeito precario en Galicia. Nun momento no que o patrimonio inmaterial cobra importancia e que o Día das Letras recoñece un etnógrafo como foi Antonio Fraguas, esta ciencia reivindica o seu potencial para contribuír á sociedade.

"En todas as institucións públicas de Galicia existen oito persoas con contratos estables como antropólogos, repartidas en só catro entidades", explica Cristina Sánchez-Carretero, presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro). Esta profesional é unha das escasísimas persoas que desenvolve o seu labor contratada como antropóloga, neste caso no Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas (Incipit CSIC) en Santiago de Compostela . A cifra, que non contempla titulados na materia contratados noutros postos, dá unha idea do escaso recoñecemento que ten esta disciplina no noso país. A comparar con outros lugares, a situación é claramente peor para esta póla do coñecemento do que na nosa contorna. "Isto non acontece noutros lugares. En Andalucía mesmo contan cun todo un Instituto sobre patrimonio que emprega moitos titulados como antropólogos".

Cando a antropoloxía contaba
Tamén antropólogo, Xerardo Pereiro é profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e dedicou varios artigos á situación da antropoloxía galega. No máis recente, publicado no número 220 da revista Grial, realiza un repaso á evolución histórica da disciplina e á pegada que deixou na sociedade galega. Segundo a súa visión, o recoñecemento público desta ciencia minguou co paso do tempo. "No período da Xeración Nós a antropoloxía considerábase un instrumento fundamental para o coñecemento do país, case ao mesmo nivel que a xeografía, a historia ou a arqueoloxía", apunta, a lembrar o peso que esta ciencia tiña en propostas como o Seminario de Estudos Galegos. "A disciplina tiña as rúas raíces no folclorismo do século XIX e partía dunha perspectiva localista e con pouca presenza, pero neste período conseguiu unha importante institucionalización. Contaba con enfoques moi anovadores e con importantes conexións teóricas a nivel internacional con Francia, Alemaña, Portugal e outros países", advirte. Como en tantos outros ámbitos da nosa cultura, este desenvolvemento ficou coutado pola Guerra Civil e o Franquismo. A antropoloxía "ficou reducida, esmagada e cunha posición moi resistencialista".

Recuperación tímida
Nesta fase, segundo recolle Pereiro, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, co traballo de persoas como Antonio Fraguas, ficou como principal espazo para a disciplina. "Durante a ditadura perdeu aquel papel destacado. Houbo unha xeración de transición que con moito mérito e esforzo fixo un traballo notable e deixou unha importante sementeira. O propio Fraguas, o profesor de Historia e arqueólogo Carlos Alonso del Real ou o portugués Jorge Dias, que pasou un ano en Compostela, deixaron un gusto e unha curiosidade en moitos alumnos polo estudio da antropoloxía. De aí saíu, na década dos 70, unha renovación con figuras como Xosé Carlos Sierra, Xosé Manuel González Reboredo ou Antón Fidalgo Santamarina. Coa chegada da democracia deuse "unha certa institucionalización con presenza na universidade en principio como unha auxiliar da Filosofía, da Historia ou das Ciencias da Educación. Na Coruña Xosé Antonio Fernández de Rota foi catedrático e creou catro postos de profesor titular cun importante grado de internacionalización e un peso destacado no campo da cooperación internacional ". A maiores, entre os anos 80 e 90 "en Compostela desenvolveuse un doutorado que tivo unha grande demanda e contaba con moitos recursos, e tamén Marcial Gondar e Xaquín Rodríguez Campos se fixeron catedráticos", lembra.

Novas minguas
No entanto, desde entón deuse unha perda de espazos no campo académico para esta ciencia, coa desaparición do doutorado da USC como un caso destacado. "Iso quedou aí. Obxectivamente hoxe hai un menor número de profesores e con menos peso. Logo do falecemento de Fernández de Rota non houbo un recambio. Tamén se xubilou Marcial Gondar, só no caso de Ramón Fidalgo Santamarina que tivo o recambio de Fátima Braña na Universidade de Vigo se deu unha renovación". Ademais, este investigador apunta que a tendencia negativa vai continuar. "Nos vindeiros anos Rodríguez Campos e Mariño Ferro vanse xubilar tamén". Ao seu ver "en boa medida esmoreceu por falta de axenda política. Na construción dos saberes académicos as relacións persoais con moi importantes". Deste xeito, "hoxe os antropólogos e antropólogas máis novas só teñen oportunidades como profesores axudantes ou asociados, o que supón moita precariedade para xente que uns currículos impresionantes. Persoas que son contratadas para dar aulas nas melloras universidades do Reino Unido ou de Irlanda aquí están nos últimos lugares por mor de como funciona o sistema universitario".

Causas
Encol dos motivos que deron no esquecemento da disciplina Sánchez-Carretero non ten claro o proceso. "É certo que na antropoloxía somos compañeiros de viaxe incómodos porque a nosa base é achegar unha ollada crítica á sociedade, precisamente por iso é tan necesaria. Poida que iso influíse en que non se chegase a incorporar ás estruturas do poder. Outros ámbitos como a arqueoloxía, a arquitectura e a xeografía contan con ese recoñecemento desde as xerarquías da Administración, pero a antropoloxía non estivo aí". Deste xeito, "Non podo sinalar unha única causa" da situación actual, recoñece, "posiblemente tivo moito que ver a ausencia dun grado propio nas universidades do país", apunta.

Os estudos
E é que na actualidade só é posible estudar o Grado en Antropoloxía Social e Cultural nas sedes da Coruña e de Pontevedra da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Segundo Rafael Quintía, antropólogo e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), "para min é moi significativo que non se poida estudar Antropoloxía en ningunha universidade galega, máis se temos en conta a potencia cultural que temos como país, cunha cultura elaborada durante milleiros de anos por unha xente asentada nun territorio. Que non sexa posible estudar isto dános unha idea do interese que hai por coñecela. É un absurdo como sería non poder estudar Informática en Xapón ou Arte en Florencia". Coincide en sinala esta necesidade Sánchez-Carretero. "O CSIC é unha institución de investigación, pero teñen que ser as universidades quen aposte por este futuro. Sei que levan anos a tentalo e non é sinxelo, pero penso que coa axuda das administracións e de diferentes axentes é posible, se non conseguir o grado, cando menos un posgrado", explica.

AGANTRO
Nos últimos anos, esta ciencia está vivir unha certa dinamización desde o terceiro sector. Canda á proposta da SAGA, centrada na divulgación e no traballo de investigación, cumpre un papel fundamental a Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro), que viviu durante 2018 un proceso de refundación e de activación. A propia Sánchez-Carretero preside esta entidade que pretende representar os intereses sectoriais dos profesionais deste ámbito e contribuír á "antropoloxización" da sociedade galega. Con estes fins, a asociación xa realizou dous encontros anuais ademais de erixirse como interlocutora coa Administración á hora de conseguir o recoñecemento desta titulación para diferentes convocatorias de emprego. "Queremos fomentar tamén a capacitación e a profesionalización do sector con actividades formativas en campos como a metodoloxía, a antropoloxía visual ou outros temas concretos", explica esta investigadora.

Recoñecementos pendentes
Un dos cabalos de batalla nos que traballa o colectivo é o recoñecemento das licenciaturas e grados en antropoloxía nas convocatorias de emprego público, bolsas ou axudas públicas. "Acontece que a miúdo, cando se redacta unha destas convocatorias, só se contemplan carreiras que se imparten en universidades galegas", explica Rafael Quintía. "Dáse mesmo o absurdo que non se podía optar a bolsas nos museos de antropoloxía con esta formación. Isto conseguimos amañalo". A situación amplíase a moitos outros casos. "Vemos casos nos que se nos discrimina para postos de xestión cultural cando somos profesionais do estudo da cultura e da sociedade, mentres si se aceptan historiadores" entre outras titulacións, explica Quintía. De xeito similar, "postos para traballar con memoria, etnografía ou documentos deste tipo non incorporan a titulación. Nós queremos que se contemple de xeito normal, non que haxa postos exclusivos para antropólogos e antropólogas pero si que naturalice o feito de estar a Antropoloxía entre as formacións que dan acceso a un traballo", lembra Sánchez-Carretero. "Acabamos de conseguir o recoñecemento desta licenciatura para as habilitacións de secundaria, que ata o de agora nin sequera figuraba", o que agora permite a estes titulados impartir materias de Igualdade de Xénero, Valores Éticos e mais Xeografía e Historia en ESO e a de Antropoloxia en Bacharelato.

Apoio antropolóxico
Na procura de conseguir un maior coñecemento sobre o labor destes profesionais, a Agantro aprobou na súa última asemblea a creación dun servizo de asesoramento antropolóxico para empresas, asociacións ou proxectos. "Vimos que había certa demanda por parte de colectivos e profesionais neste campo", explica Xerardo Pereiro. "A idea é contar cunha serie de protocolos que faciliten elaborar proxectos, presentar candidaturas ou achegarlles un selo de calidade. O propósito é crear un certo laboratorio de ideas sociais e culturais con profesionais da antropoloxía para axudar e amosar que a disciplina pode ter un efecto social positivo. Hai ámbitos nos que temos moita experiencia, como políticas de xénero, cuestións de desigualdades ou mesmo na creación de plans de diversidade social nas escolas, nas que temos moito que achegar". Na mesma liña, Quintía advirte que "no resto do mundo os antropólogos prestan servizos profesionais pola utilidade pública e social do seu traballo, pero aquí é un sector por desenvolver. Cómpre conseguir visibilidade e amosar que temos unha utilidade para alén da xestión do patrimonio, deixar clara a importancia de contar con estes profesionais. A antropoloxía ten moito que dicir en problemáticas actuais como a emigración ou os conflitos culturais. Calquera cuestión é susceptible de se abordar desde esta perspectiva".

Encontro Internacional
En contraste coa relativa debilidade do sector, Galicia acolle esta primavera un evento internacional de primeira orde para esta ciencia, xa que entre o 14 e o 17 de abril deste ano a Asociación Internacional de Etnoloxía SIEF desenvolverá o seu congreso bienal en Compostela. "Estamos a organizalo desde o Incipit, acolle a Universidade de Santiago e participan todas as do país, a Xunta e mais Agantro. Hai xa máis de 900 inscritos de todo o mundo. É a primeira vez que se fai algo como isto en Galicia e a segunda vez en vinte anos que se realiza en España", explica Sánchez-Carretero. Dentro do encontro desenvolverase tamén unha sesión específica sobre a situación da disciplina no país. Esta iniciativa "supón unha afirmación política da antropoloxía en Galicia e da capacidade da disciplina, sobre todo da xeración máis nova", explica Pereiro.

Dinamismo
Malia ao precario panorama, Sánchez-Carretero amósase relativamente optimista sobre a situación. "Penso que a antropoloxía está máis viva e dinámica do que nunca. Hai moitísimos proxectos e xente con iniciativas innovadoras en moitos ámbitos diferentes, como a antropoloxía económica, a ambiental ou proxectos no mundo da empresa. Isto contrasta coa precariedade e a falta de estabilidade profesional", algo que dificulta o desenvolvemento de carreiras profesionais neste campo e obriga á emigración a moitos graduados que non poden desenvolver o seu labor no noso país. A presidenta da Agantro confía nas posibilidades de que haxa mudanzas importantes. "Estamos nun momento bisagra no que poden ir as cousas en moitas direccións e vexo moitas posibilidades. Esta disciplina ten un potencial importante en moitos ámbitos e existen posibilidades por desenvolver a nivel de aplicación práctica. A antropoloxía achega as ferramentas para analizar a realidade social desde dentro, permite comprender as normas non escritas do comportamento social e isto ten un potencial importante para moitos ámbitos", sinala a incidir nas achegas que esta ciencia pode facer á colectividade.

Procurar novos ámbitos
Rafael Quintía, pola súa banda, recoñece que a situación da disciplina "está complicada. Hai un grande descoñecemento sobre o que facemos. Moitos dos traballos para os que estamos capacitados acaban por os facer outras persoas sen preparación. Todo o mundo entende que cómpre un arqueólogo para facer unha escavación porque existe unha metodoloxía para iso. Pero ao tempo non se comprende que para facer unha recollida de patrimonio inmaterial cómpren tamén unha metodoloxía e uns coñecementos. Esta falta de valorización do noso traballo leva tamén a un grande intrusismo laboral. Mesmo agora que se está a falar tanto do patrimonio inmaterial continúa sen se ver como esencial contar con antropólogos. Ata en traballos de arqueoloxía, cando se ten en conta, vese como un complemento". Para este profesional as dúas disciplinas deberían ir da man, "noutros países os equipos son interdisciplinares. A antropoloxía achega unha perspectiva sobre os restos arqueolóxicos como elementos vivos no seo dunha comunidade que durante centos de anos construíu relatos e mitos sobre eles. Integrar esta visión pode dar moita información sobre o noso xeito de estar no mundo", explica.

Alén da academia
"O futuro non pasa tanto polo ámbito académico, no que non teño moita esperanza, senón pola propia organización dos profesionais e da Agantro", considera Pereiro. "Paréceme que hai un grupo de xente nova que quere facer antropoloxía en Galicia, tanto de aquí como doutros lugares. É unha xeración que está mellor organizada a partir da Agantro e permite facer unha ciencia social pública que responda ás necesidades do presente e participe nos debates públicos". A paixón persoal por estes estudos é un factor que explica en boa medida este potencial dinamismo. "Quen estuda antropoloxía faino de xeito vocacional, somos antropólogos as vinte e catro horas do día porque é algo que nos apaixona. Entón hai xente que emigrou e practica a disciplina outros países, e hai tamén quen a desenvolve mesmo fóra do ámbito académico", lembra Pereiro. Deste xeito, para este profesor "conseguirmos esa presenza depende moito da nosa actividade, das nosas estratexias para cooperar con outras profesións das ciencias sociais e tamén das nosas relacións políticas", sinala.