Os XVIII premios do Colexio de Arquitectos recoñecen unha urbanización compostelá

Alfredo Alcalá viu recoñecida a súa carreira profesional na gala da pasada fin de semana en Ferrol

| Santiago. Redacción | Seccións: Arquitectura
Compartir:
Cooperativa de Vivendas 13 Rosas en Compostela. Premio COAG na categoría de Vivenda

Cooperativa de Vivendas 13 Rosas en Compostela. Premio COAG na categoría de Vivenda

O Teatro Jofre de Ferrol acolleu o pasado venres 29 de marzo o fallo e a entrega dos XVIII Premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que recoñecen os mellores traballos do último bienio. O colectivo profesional deste campo no país seleccionou o traballo de Carbajo e Barros Arquitectos Asociados na Cooperativa 13 Rosas Residencial en Compostela como o mellor proxecto de vivenda, mentres a Vivenda Modular Automonta de Manuel Jorreto en Cenlle levou o galardón na categoría de Arquitecturas Efémeras e de Baixo Custo.

O traballo na Igrexa de Tirán de Antonio Pernas Varela foi considerada a mellor rehabilitación e a escola infantil da Veigadaña (Mos) de Estefanía Grandal, Juan Ignacio Prieto e Faustino Patiño obtivo o recoñecemento como mellor equipamento. No campo de Deseño Urbano, Planeamento e Paisaxe foi o labor de Dosesmás Arquitectos co proxecto As portas do Mar no malecón de Noia o que obtivo o galardón.

A categoría de Obras de Reforma e Interiorismo valorou o traballo de Fernando Martínez, Miguel Carballido, Inés Gardia e Susana Vázquez na reforma de local para a libraría Lectocosmos de Lugo, mentres Manuel Bouzas Barcala foi considerado autor do mellor proxecto Fin de Carreira co seu deseño Un buen suceso para o Monte do Pardo en Madrid. Finalmente, o galardón de Divulgación, Investigación e Deseño foi para a exposición Éxodo, dirixida e comisariada por Patricia Muñiz Núñez.

Na gala, o COAG entregou tamén o premio especial á traxectoria profesional a Alfredo Alcalá, que desenvolve desde hai 50 anos a súa carreira en Ferrol e que é considerado como un referente polo colectivo. Para alén de obras destacadas como a Igrexa da Magdalena de Cabana, a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol ou a Rehabilitación do Hospital de San Roque en Compostela, destacan tamén o seu labor docente na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e a súa importante actividade cultural na Cidade Departamental. Kuala Lumpur

Que che parece esta nova?
70 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Colexio de Arquitectos, Arquitectura, Teatro, Teatro Jofre de Ferrol...