Fondo: ASG/ CCG
Trátase dun dos fondos máis preciados, e máis descoñecidos, do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. A colección de discos de lousa, que comprende un dilatado periodo entre 1904 e os anos 50, supera os 500 discos nos que está recollida unha importante parte do legado musical galego, moi descoñecido para o gran público. Quen pase polo web do Consello, poderá escoitar, por exemplo, a primeira gravación sonora conservada en Galicia, a "Foliada de romeros" e o "Canto de fiada" interpretados polo coro Aires da Terra de Pontevedra e gravada na Coruña en 1904 (e escóitase moi ben!).
Os discos de lousa foron, segundo o coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa, "o primeiro sistema de reprodución fonográfica da industria cultural". Tratábase de gravacións realizadas sobre estes soportes de pedra. O complexo proceso de gravación de cada disco dificultaban a edición masiva do disco, así que non se adoitaban producir máis de duascentas copias. Son tan fráxiles que de moitos dos discos que o Consello da Cultura Galega foi adquirindo ou recibindo nos últimos anos, apenas se conserva en fondos públicos a copia custodiada na actualidade no Arquivo Sonoro de Galicia. De aí a relevancia da súa dixitalización.
Cristina Pujales, coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia, explicou que a mostra inicial de vintecinco discos que xa se pode gozar no web do CCG responde á idea de transmitir a "diversidade de contidos destes fondos". Neles hai "desde música tradicional ata as grandes voces da lírica galega en Madrid e algúns discos falados, coma os do contacontos Joselín". Para Pujales, "moitos dos discos conservados revelan que se querían gravar pezas moi asociadas á identidade galega". Isto é relevante nun momento especialmente intenso da emigración galega en América. É o caso do disco do coro Aires da Terra de 1904, promovido polo fotógrafo coruñés Pedro Ferrer co obxectivo de vendelos nas comunidades da diáspora e crear un mercado para a música galega da outra beira do Atlántico.
