Un sol alumea nas Barreiras

A segunda campaña arqueolóxica no castro vimiancés permite coñecer máis sobre o carácter e o final dun asentamento da Idade do Ferro

A segunda campaña arqueolóxica no castro vimiancés permite coñecer máis sobre o carácter e o final dun asentamento da Idade do Ferro
Foto: Castro das Barreiras
Desde a aparición dun motivo solar único na cerámica castrexa, unha cociña completa ata un coitelo en moi bo estado, a nova campaña arqueolóxica no castro das Barreiras permite coñecer máis sobre a vida na Idade do Ferro e o abandono dos poboados. Falamos co arqueólogo Ángel Concheiro para coñecer as novidades.

A segunda gran campaña arqueolóxica no castro das Barreiras (Vimianzo), promovida polo concello, rematará a semana que vén tras mes e medio de traballo e Ángel Concheiro, o arqueólogo que dirixe a intervención, está ben satisfeito. Durante esta intervención, o castro revelou unha moi interesante cultura material, estruturas e niveis que permiten comprender máis dos tempos, da vida pero tamén da vida dun castro singular. A diferencia da maior parte dos castros, construídos en promontorios que facilitan a defensa natural da poboación, As Barreiras foi fundado no século III a.C. no fondo do val de Vimianzo, o que o converte . Unha gran muralla e os foxos facilitaban a protección do emprazamento. Precisamente durante esta campaña esavouse un pequeno anaco de muralla. "Permitiunos ver que eran uns canteiros fantásticos. O paramento interior de pedra está moi ben feito".




Muralla interior do castro. Foto: Castro das Barreiras

Pero a muralla tamén lle valeu a Concheiro, un experimentado arqueólogo, bo coñecedor do urbanismo castrexo, decatarse de que algo pasaba coas Barreiras. "Por algún motivo non tivo unha ocupación moi longa", sinala Ángel Concheiro, "non foron quen. Os castros van medrando ata ocupar todo o espazo interior, pero nas Barreiras aínda había moito espazo baleiro entre as vivendas e as murallas".
Iso si, o castro rematou dun xeito drástico. Esta segunda campaña permitiu confirmar o que se evidenciara na anterior: todas as vivendas foron consumidas por un gran incendio do que quedan numerosos restos ao escavar e que as análises de carbono 14 poderán datar con máis precisión. "Non sabemos se o incendio motivou o abandono do poboado ou se se produciu despois", sinala cauto Ángel Concheiro. Pero o que si se pode afirmar é que ese abandono se produce no século I a.C.

O que é novo nesta campaña é a identificación dun nivel máis recente, superposto ao derrubo do castro, no que se identifica tamén cerámica castrexa, mesturada con cerámica común romana e ánforas. E este nivel é un enigma: "están os materiais, pero non se ven estruturas. Foi moi residual". Polos materiais atopados, Concheiro estima que esa última fase de ocupación ten moito que ver co cambio de milenio e o inicio do poder romano, entre o século I a.C. e o século I d.C. "Nese momento todo cambia con moita rapidez, as xentes móvense, as terras se ocupan e reocupan... pode que esteamos vendo isto".

Iso si, Concheiro ten dúbidas relacionadas coa vida do castro cando deixou de ser castro. "Cremos que as ruínas comezaron a se usar como agra de cultivo xa na Idade Media. Pode que esa ocupación posterior, sobre as ruínas abandonadas, fose mínima e por iso non quedan restos, ou pode que se deba a que o seu uso agrario a desmontou". Iso si, os arqueólogos atoparon unha tan fermosa como sorprendente mostra do uso do castro como finca de traballo. Cando os arqueólogos baixaban na terra e chegaban aos muros das cabanas castrexas, atopaban marcados sobre eles o paso dos arados que batían nas pedras das vellas vivendas da Idade do Ferro.


Unha cociña con tres funcións nunha das cabanas. Foto: Castro das Barreiras

A intervención arqueolóxica revelou que as catro cabanas excavadas, moi grandes e similares ás do castro de Borneiro, en Laxe, son parte dun “grupo doméstico”. Cada unha delas parece cumprir funcións diferentes, e hai obradoiros de traballo, cociñas. No interior dunha das cabanas atoparon "o que é un auténtico exemplo dun fogar castrexo", sinala Concheiro, en moi bo estado. "Tiña tres espazos seguidos: o lume para se quentar, o lume para cociñar e o forno para cocer o pan". Ao carón da propia lareira había un basamento no que os arqueólogos pensan que existía algunha estrutura ou moble de cociña. A lareira, canda o resto das estruturas exhumadas, están a ser consolidadas e quedarán expostas para poderen ser visitadas.


Foto: Castro das Barreiras

Soles e coitelos
Un dos aspectos máis chamativos da intervención no castro das Barreiras é o repertorio de materiais arqueolóxicos que foron aparecendo. Un dos últimos obxectos atopado e dos máis espectaculares é un coitelo en moi bo estado de conservación, o que non é habitual en Galicia. "O seu paralelo máis próximo, polo momento, está no castro de San Julião, no norte de Portugal, e que apareceu nese último nivel do castro e cunha cronoloxía do cambio de era". A peza, fragmentada alomenos en tres anacos, "nótase que foi un obxecto de prestixio. Está todo el feito en metal", indica Ángel Concheiro.


Borde cerámico. Foto: Castro das Barreiras

A cerámica permite entender o castro das Barreiras como un espazo de transición entre o occidente galego e as rías Baixas. Hai paralelos das formas nos castros do Golfo Ártabro e logo sobrancean pezas moi decoradas, case barrocas, nas que apareceu algo sorprendente. Nun borde cerámico, repítense dúas formas estampilladas. "Unha delas é un soliforme, que se alterna cun icono circular ao longo de todo o borde", sinala Concheiro. Esa estampilla que crea unha forma de sol é a primeira vez que aparece, segundo Concheiro, na cultura castrexa, converténdose nunha poderosa icona visual.