O dramaturgo e actor Carlos Santiago (Santiago de Compostela, 1966) asina o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2019, texto que lerá durante a gala dos Premios de Teatro María Casares que se celebrará o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidiu encargarlle a redacción do Manifesto a Carlos Santiago na reafirmación do seu apoio ao dramaturgo tras das acusacións sufridas despois de ler o pregón de entroido de Santiago o pasado ano, motivo que levou á que esa defensa acendida e pechada da profesión estivese moi presente na anterior cerimonia de premios. Desde a AAAG manteñen con esta designación a defensa da liberdade de expresión e de creación artística e lembran que Carlos Santiago "conta cunha longa traxectoria escénica, na que se combina con brillantez múltiples facetas do noso oficio. O noso compañeiro desenvolveu traballos de director, dramaturgo, iluminador, actor ou músico dende que iniciou a súa traxectoria hai xa trinta anos, vinculado na orixe á posta en marcha da Sala Nasa", sinala a Xunta Directiva da AAAG, antes de destacar tamén o seu amplo traballo en Portugal, que o converteu nun "embaixador da nosa profesión no país veciño e irmán", conclúe a Xunta Directiva da AAAG.
No seu Manifesto, Carlos Santiago desenvolve un discurso xustamente sobre a defensa da liberdade e a importancia dunha cultura libre para unha sociedade libre. "Unha lexión de artistas vén sendo convocada ultimamente perante os tribunais para daren conta das súas sátiras e das súas impertinencias", sinala o manifesto ao tempo que denuncia que "o tecido cultural é difamado en tribunas e medios armados en nova inquisición". "Que ten de perigoso o teatro, e por extensión a cultura, para alentar semellante caza de bruxas?", pregúntase Carlos Santiago no texto antes de proclamar: "Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan o posíbel?"
A preparación da gala
Carlos Sante e Juanillo Esteban dirixirán a gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares. Os directores adiantan que a gala contará cunha mestura de xéneros que lle outorgará unha especial singularidade aos María Casares deste 2019. Deste xeito, durante a cerimonia de entrega transitarase entre o teatro e o circo, achegando números de clown, teas áereas, roda Cyr, teatro xestual ou parodia cómica. O elenco estará conformado por Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti. Suso Montero encargarase un ano máis da escenografía da gala.
MANIFESTO GALEGO NO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2019
Ser libre non é fácil. Menos en tempos nos que os fantasmas da longa noite son acirrados aquí e alá para espallar o medo e a sospeita e endurecer de novo as olladas e os corazóns da xente que ao lonxe espreita. Parece así que a vella idea da historia sempre se repetir dúas veces, primeiro como traxedia e logo como farsa, cobra nova luz nestes días que nos toca vivir. Se cadra é por iso que unha lexión de artistas vén sendo convocada ultimamente perante os tribunais para daren conta das súas sátiras e das súas impertinencias e que o tecido cultural é difamado en tribunas e medios armados en nova inquisición. Manifestemos, como xentes do teatro, a nosa perplexidade. Que ten de perigoso o teatro, e por extensión a cultura, para alentar semellante caza de bruxas?
Xa os franceses, no século XVIII, tentaron amputar o teatro do seu ferrete diabólico, e inventaran a palabra obsceno, literalmente fóra de escena, para designar todo o que debía ser excluído do palco en aras do decoro e o bo gusto, tal que homicidios, incestos, blasfemias, equívocos sexuais e toda a ladaíña de miserias morais que o teatro grego instaurou hai dous mil quiñentos anos como asunto propio do teatro. Era claro para o público grego que nin deuses nin deusas estaban libres de pecado e que, dito en grosa prosa, o espectáculo da corrupción moral das elites era o grande estímulo que enchía de xente os teatros. É por iso que aínda temos teatro, e aínda temos entroido, ese espazo de transgresión no que a cultura popular atopou a maneira de se subtraer unha vez ao ano ás imposicións narrativas do poder. Por imposicións narrativas enténdese, obviamente, o relato do que nos obrigan a ser e a pensar que somos.
Con todo, non contaban os franceses do século das luces co xenio inglés. A recepción na Francia ilustrada do teatro de Shakespeare, hoxe modelo por excelencia do teatro universal, foi un auténtico escándalo, pola súa mestura explosiva de altas e baixas paixóns sobre o palco. Incluso un home tan tolerante como Voltaire, non por acaso o primeiro pensador en formular os principios da liberdade de expresión e de pensamento en Europa, ficou abraiado pola selva de burlas lascivas, chistes malos e indecentes groserías das que Shakespeare rodeaba os seus versos máis brillantes. Foi Anxo Rei Ballesteros, entre nós, quen mellor esclareceu esta dialéctica entre o obsceno e o sublime, no seu magnífico ensaio sobre Hamlet, Tempo e Vinganza, como a marca da fractura temporal da que nace a propia sociedade moderna. The time is out of joint. O tempo está desgonzado. O que quere dicir, entre outras cousas, que obrigarnos a vivir e crear baixo as leis implacábeis do mercado, e ao mesmo tempo, esixirnos un comportamento rexido pola culpa interior e as censuras da moralina reaccionaria é simplemente ridículo, cando non probadamente hipócrita. Quen así o queira propor, que o propoña, a poder ser en eleccións libres e democráticas e non en libelos e tertulias de estómagos agradecidos, pero saiba que o teatro, independentemente da deriva política, fará sempre a súa sátira, como ben esixían os poetas latinos. E non porque no teatro nos asista un excepcional dereito de ser libres, senón porque o teatro é xa, de seu, un exercicio soberano da liberdade.
Dicía Pier Paolo Pasolini, un creador procesado mil veces polos tribunais de orde pública, que non escribira máis pezas teatrais porque sentía que o teatro esixía dedicarlle toda unha vida. É certo, e así o confirman as vidas de compañeiros como Xan, Ernesto, Gustavo, Mario, Xosé Lois ou Manu, que recentemente nos deixaran. Non se entrega unha vida ao teatro porque si. Hai un compromiso esencial que mantén viva a nosa paixón. E ese compromiso é precisamente o de ter a coraxe obscena de expresar o que a sociedade moitas veces non quere, ou non pode, ver nin escoitar. Sexamos pois coherentes con tal compromiso e como nos pedía o propio Skakespeare enfrontemos a nosa época tal e como ela se nos presenta. Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan posíbel.