A actriz María Barcala recibirá o Premio de Honra Marisa Soto

Vero Rilo asina este ano o Manifesto galego do Día Mundial do Teatro

Vero Rilo asina este ano o Manifesto galego do Día Mundial do Teatro
María Barcala Fonte: AAAG
Vero Rilo  Foto: ©Yolanda Ataraxia
Vero Rilo Foto: ©Yolanda Ataraxia
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ven de facer pública a concesión do Premio de Honra Marisa Soto deste ano á actriz María Barcala (Vila de Cruces, 1957). Este é o galardón que se entrega na gala dos Premios María Casares cada ano, co que a profesión teatral distingue o labor de persoas ou de institucións a prol do noso sector escénico. A AAAG decide así premiar a dilatada traxectoria de María Barcala, cuxo traballo se enmarca na xeración que impulsou o proceso de profesionalización do teatro en Galicia. Segundo recordan desde a asociación, ao longo de catro décadas de carreira, Barcala converteuse en referente para o sector, tanto dende o punto de vista de interpretación coma de impulso de proxectos de longo percorrido. Sinalan nomeadamente o caso da compañía Teatro do Atlántico, fundada por Barcala e Xúlio Lago a mediados dos anos oitenta. María Barcala formou parte do elenco da produción inaugural do Centro Dramático Galego (CDG): o 'Woyzeck', de Büchner, estreada o 23 de agosto de 1984 no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Afirman desde a AAAG que a actriz homenaxeada abriu camiños dende múltiples facetas para que foran transitados polas seguintes xeracións teatrais, concluíndo que "sen María Barcala, a nosa escena non sería. E de ser, sería outra diferente. Porque María Barcala é, sinxelamente, teatro". Ao longo de máis de catro décadas de traxectoria, Barcala, que conta no seu haber co Premio de Interpretación Maruxa Villanueva por 'O principio de Arquímedes' (2015) ou o Premio Compostela á mellor interpretación feminina por 'Clitemnestra ou o crime (1991). O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Vero Rilo asina o manifesto do Día Mundial do teatro
Nesa mesma gala dos premios do teatro galego, ademais da entrega dos galardóns tamén terá lugar a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro deste ano, que se celebra o día 27 de marzo . A narradora oral Vero Rilo (Mugardos, 1984) foi a elixida este ano pola AAAG para escribir e ler este manifesto. O seu texto define a escena como "transgresión", como "rebeldía" e como "salvavidas", ao tempo que o reivindica como ferramenta "imprescindible contra a desmemoria" e para "derrubar a norma inxusta e demoledora". Rilo, que cita a Castelao na apertura do texto e despídeo cunha proclama de Luísa Villalta, introduce unha vertente pacifista no seu texto ao facer referencia á invasión de Palestina e enxalza o poder do riso "para mudar o mundo". O Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que cada ano encarga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia a unha sinatura destacada do noso sector cultural, inclúe neste 2024 mensaxes contra a "precariedade laboral", contra "a censura" ou contra "o afogamento administrativo", atrancos aos que se enfronta o sector escénico cada día. "Acaso non esixe o teatro dedicarlle unha vida enteira? Non é unha carreira de fondo na que permanecer apaixonadas e comprometidas, dure o que dure? Cantas vidas enteiras nunha soa!", reflexiona Rilo no seu texto, antes de engadir que "se algo sabe o teatro é de resistencia e de insistencia, tamén de rebeldía".


MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2024

"Cada vida é unha novela que se perde". Así escribía Castelao, no limiar de Retrincos, e razón non lle faltaba... Podería ser o teatro as vidas que quedan, que non se perden, as posibles ou imaxinadas, as que foron, son e serán?
O teatro, se cadra único deus verdadeiro, crea vida á par que deixamos a vida nel.

E canto dura unha vida? Quen o sabe! O que sabemos é que cando facemos teatro detemos o tempo e non hai poder maior que o aquí e o agora. Que importa canto dura se sabemos como parar un mundo que non descansa, que chega ás carreiras e asfixiado, sobre(des)informado, indecentemente deshumanizado, onde todo é para xa, xa, xa. Aquí sentas e todo se detén. Faise o silencio. Silencio para compartir un espectáculo irrepetible nun presente constante. Quen non quere vivir así unha vida enteira? Se fósemos quen de poder decidir como vivila, claro! Acaso non esixe o teatro dedicarlle toda unha vida? Non é unha carreira de fondo na que permanecer apaixonadas e comprometidas dure o que dure? Cantas vidas enteiras nunha soa!

Pode ser este, regresando a iso de que o teatro é vida e deixamos a vida nel, un manifesto reivindicativo, sen quentar demasiado, para falar ás apuradas da precariedade laboral, dos variables apoios institucionais, da política das axudas que só alentan a dependencia, do afogamento administrativo, da censura, da toma de decisións xorda e allea ás demandas do sector, dos tratos de corredor, do conforto duns poucos fronte ao risco das moitas? Pode ser?

Se cadra aínda é cedo pero vai a idea sementada ata a colleita, que chegará sen dúbida: se de algo sabe o teatro é de resistencia e insistencia, tamén de rebeldía. Que llo digan a quen fixo un entroido permanente, ás que continuaron coa palabra viva no corpo e na boca, ás que falaron máis polo que calaron en segundos de silencio; que no silencio tamén se conta cando é sostido e voluntario sobre un escenario. Continuemos neste exercicio contra a desmemoria, imprescindible para derrubar a norma inxusta e demoledora. É cedo de máis para falar de Palestina?

Lembremos o compromiso colectivo, o enxeño para fuxir da pena e do penalizado, o poder matar o rei e saír impunes (máis ou menos). O teatro, compañeiras, é transgresión e hoxe festexámolo xuntas.

Quixera ser este o manifesto da alegría. Aínda estamos a tempo? Será que si. Será que sempre é momento para o riso, a máis potente das armas, ferramenta para mudar o mundo. Que ousadía! Mais aquí todo é posible.

Amosemos hoxe todos os dentes que entran nunha boca, sexan máis ou menos -iso agora non importa- para pasealos como bandeira, sen medo e rir nun acto de intelixencia, de desobediencia, de alegría imparable.

Gargalladas a mancheas, que si, ou sorrisos tímidos, tanto ten! O importante é non deixar de facelo. De verdade, que o dos dentes non importa, era un falar. Rir xuntas do ridículo, do odio, do frívolo, do sagrado, da covardía. Que o teatro e o riso fosen, alá onde chegasen, antídoto e cura de habela. E haina.

O teatro é vida, é rebeldía, alegría e tamén salvavidas; e quen puxo os pés nas táboas, ou arredor delas, sábeo. E neste día de festa estaría ben bailar a vida nun instante efémero.

Docentes, actrices, actores, equipas técnicas, quen dirixe, quen escribe, quen pensa, quen non cala, quen programa, amadísimo público, grandes, pequenas, bailen! Bailen todos, que diría Luísa Villalta. Agora comeza o verdadeiro espectáculo! Vivan as vidas e que non morra o teatro!

Vero Rilo
Santiago, de Compostela
Marzo de 2024