Fai uns poucos días que as institucións do país presentaron as actividades e iniciativas que este ano ofrecerá a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas Fraguas e xa aparece nos medios a proposta de impulsar o recoñecemento de Chano Piñeiro para a celebración no 2020. A intención non é nova dado que xa comezou a campaña o pasado ano o escritor Francisco Rozados, biógrafo do malogrado cineasta, co obxectivo de facer coincidir a data co 25 cabodano de Piñeiro (1954- 1995). Agora esta campaña viva nas redes sociais colle pulo co apoio recibido por parte de numerosas persoas e colectivos segundo recolle Atlántico Diario. A idea de trasladar a petición á Real Academia Galega da toma en consideración do cineasta que asinou a curtametraxe Mamasunción (1984) e a primeira longametraxe íntegra en galego, Sempre Xonxa(1989) está actualmente apoiada pola Irmandade da Sanidade Galega, Fundación Lois Peña Novo, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Academia Galega do Audiovisual, Ateneo de Pontevedra, Fundación Carlos Velo, Escola de Imaxe e Son de Vigo, Colexio de Boticarios de Pontevedra e a Academia de Farmacia de Galicia. Como é habitual a RAG decidirá entre xuño e xullo o nome da persoa a homenaxear no vindeiro ano, de resultar elixido Piñeiro sería o primeiro intelectual do sector audiovisual en recibir este recoñecemento.