O escultor Álvaro de la Vega (Paradela, 1954) é o protagonista da terceira achega do ciclo METRÓPOLE do MARCO de Vigo. Baixo o título A Árbore da vida, a mostra reúne un bo número de pezas escultóricas procedentes da colección do artista que conforman a grande instalación, producida especificamente para este proxecto, que dá nome á exposición. A interrelación entre espazo-obra-espectador é un dos eixos do seu discurso artístico, un discurso maduro e depurado que evoluciona gardando fidelidade absoluta aos seus principios fundamentais. Nas propias palabras do artista: Antes que nada unha escultura é unha presenza que comunica cun baleiro e creo que por aí debe comezar o espectador. O ciclo METRÓPOLE, comisariado por Rubén Martínez Alonso, naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado. A mostra de Álvaro de la Vega inaugúrase o vindeiro día 22 de febreiro e manterase nas salas do MARCO ata o 2 de xuño. O museo de arte contemporánea vigués segue arestora sen ter asignada a praza de dirección.