O CCG marca un fito de visibilidade para a emigración galega nos EUA

A inauguración da exposición 'Os adeuses' en Ellís Island irá acompañada dunha ambiciosa axenda de actividades

A inauguración da exposición 'Os adeuses' en Ellís Island irá acompañada dunha ambiciosa axenda de actividades
O vicepresidente do CCG Xosé Manoel Núñez Seixas na presentación da axenda de actividades Foto: CCG / B. Pérez
A inauguración este vindeiro sábado da exposición fotográfica do Consello da Cultura Galega Os adeuses nun espazo emblemático para os movementos migratorios europeos como é Ellis Island en Nova York servirá para darlle protagonismo aos nosos emigrantes dentro das vagas que arribaron aos EUA a principios do pasado século. En palabras do vicepresidente do Consello, Xosé Manoel Núñez Seixas, está será a primeira vez que os galegos conformen un grupo propio a ter en conta dentro do conxunto da inmigración nos Estados Unidos, segundo explicou hoxe en rolda de prensa. Para arroupar ese fito histórico de visibilidade, o CCG artellou un programa de actividades que aproveita a relevancia do acontecemento e a rede de contactos académicos dos que dispón a institución nos EUA, nomeadamente o Arquivo da Emigración Galega. O resultado tradúcese nunha serie de catro mesas redondas, así como nun intenso programa de xuntanzas e entrevistas tanto con actores institucionais neoiorquinos como coa colectividade galega na cidade. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez desprazouse xa a Nova York para manter alí unha intensa axenda durante toda a semana que abrirá mañá xoves cunha reunión de traballo coa comunidade de Newark.

O venres 8, o King Juan Carlos I Center, espazo dependente da Universidade de Nova York, acollerá unha xuntanza de traballo na que Rosario Álvarez, daralles a coñecer a diversos membros da diáspora galega actual a proposta de creación dunha plataforma virtual para a colectividade do exterior. O portal, que pretende cubrir un oco dentro da oferta existente, aspira a fomentar a participación profesional e creativa dos integrantes das novas diásporas galegas no mundo, co fin de favorecer o intercambio global entre eles. Nesta mesma liña de Acción Exterior do CCG e no marco desta viaxe a presidenta e o vicepresidente da institución manterán tamén un encontro coa dirección do museo da inmigración de Ellis Island coa fin de compartir experiencias que sirvan para avanzar no proxecto de creación dun futuro museo da emigración de Galicia.

Mesas redondas e presenza académica
As mesas redondas foron deseñadas para dar a coñecer as migracións galegas e a cultura galega en clave histórica e comparada. Son catro mesas que se desenvolverán en inglés e que se agrupan en dúas grandes liñas: unha para abordar a perspectiva histórica da inmigración galega en Nova York e nas Américas, que se concreta en dúas mesas os días 11 e 12 de febreiro, baixo os títulos Inmigración galega en Nova York. Historia e memoria (Galician Immigration in New York. History and Memory) e Inmigración galega no contexto das migracións europeas cara ás Américas (Galician Immigration in the Context of European Migrations to the Americas); a segunda das liñas fai fincapé na diagnose da cultura galega e mais nos debates arredor do pasado recente na Galicia actual, cos títulos Memoria histórica no presente en Galicia (Historical Memory in present-day Galicia) e mais Cultura Galega. Pasado, presente e futuro (Galician Culture: Past, Present, Future). Estas últimas desenvolveranse os días 12 e 13 de marzo. O Instituto Cervantes de Nova York, a Universidade de Columbia e mais a Universidade da cidade de Nova York (CUNY) serán os espazos nos que participarán variados investigadores e profesionais para falar deste asuntos, como son José C. Moya, James Fernández, Alex Alonso, Pablo García Martínez ou Alberto Avendaño, residentes en Nova York; e Dolores Vilavedra e Xosé Manoel Núñez Seixas, que irán dende Galicia.