Imaxe da revista Vida Gallega en 1921, dando conta do suceso
A produtora Agallas Films levará ao cine a historia do naufraxio do vapor correo Santa Isabel en 1921 fronte á illa de Sálvora, un triste feito que deixou unha pegada indeleble no Barbanza. O lutuoso suceso foi coñecido como o "Titanic galego". O proxecto liderado por Agallas Films, e dirixido por Paula Cons, vai ter como coprodutores a empresas do País Vasco, Arxentina e Portugal. A película, que aínda non ten título, arrincará xusto despois do afundimento do vapor e virará ao redor das heroínas de Sálvora, tanto ao recoñecemento popular que recibiron pola súa fazaña como a algún que outro reproche do que foron vítimas. Nerea Barros será a gran protagonista e dará vida a unha das heroínas. Xunto a ela estarán, entre outros, Aitor Lúa, que se converterá no fareiro da illa, e o actor arxentino Darío Grandinetti, que encarnará a un xornalista que sacará á luz diversas cuestións relacionadas coa traxedia, tanto positivas como negativas. O naufraxio do Santa Isabel, que facía a ruta Bilbao-Cádiz, tivo lugar na madrugada do 2 de xaneiro a 200 metros da illa e nel faleceron 213 dos seus 268 pasaxeiros e tripulantes. A rodaxe da película arrincará o 4 de marzo e nestes momentos están a elixirse as localizacións e a buscar extras. Boa parte das escenas gravaranse na illa de Sálvora, pero a produtora tamén busca outros escenarios exteriores na comarca que poidan adaptarse á época na que tivo lugar o suceso. A idea é que o lanzamento da película teña lugar o ano próximo.

