Unha antoloxía leva ao italiano os autores homenaxeados no Día das Letras

A RAG acolleu a presentación de La letteratura galega. Autori e testi

Medio cento de homenaxeados co Día das Letras Galega, desde Rosalía de Castro a Lois Pereiro chegarán ao público italiano mediante a antoloxía La letteratura galega. Autori e testi. Os centros de estudos galegos de Padua, Roma e Perugia coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, deron ao prelo esta obra, que recolle as biografías dos homenaxeados canda a unha escolma de textos en versións en galego e en italiano e bibliografías específicas. Tres apéndices achegan ademais información sobre feitos históricos, publicacións periódicas e mapas e un glosario de termos galegos. A sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolleu a presentación da obra coa presenza de Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero, coordinadores da edición.