WOS Festival gaña o premio europeo a mellor festival realizado baixo teito

O evento compostelán é o único festival español en acadar un galardón neste certame

O xurado profesional da décima edición dos European Festival Awards ven de elixir ao compostelán WOS Festival x SON Estrella Galicia como mellor festival indoor de Europa en 2018. O evento galego organizado desde a promotora Work On Sunday competía con outros nove finalistas que se celebran en locais pechados, sete deles alemáns, un austríaco e un checo. O WOS é ademais o único festival do territorio español premiado nesta edición destes galardóns europeos. Desde o inicio deste certame que xa leva dez edicións, en tan só tres ocasións un festival español ten conseguido un galardón e sempre foron grandes eventos como Primavera Sound en 2014 e Mad Cool en 2017. O WOS Festival x SON Estrella Galicia foi o único dos seis festivais galegos que se presentaron nalgunha das categorías que acadou os apoios para pasar á lista de finalistas definitiva tras unha fase de votacións populares e outra de selección dos xurados. A cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY anunciará proximamente as datas para a súa sexta edición neste ano 2019, de novo con SON Estrella Galicia vencellando o seu nome ao festival como patrocinador principal.