As entidades locais e o sector profesional serán os máis beneficiados por 'O teu Xacobeo'

A Xunta avanza como será distribución dos dous millóns dedicados a proxectos previos ao ano xubilar

Xa se coñecía que o programa de axudas a proxectos socioculturais “O Teu xacobeo” ía estar dotado con dous millóns de euros e que ía consistir nunha convocatoria aberta de concorrencia competitiva a toda a cidadanía, agora ademais, grazas a un comunicado feito público onte pola Xunta de Galicia e do que deu parte a axencia Europa Press coñécese máis polo miúdo o futuro reparto deses fondos que sairán convocados nos vindeiros días e as súas características. As axudas se destinarán a proxectos de dinamización a realizar desde agora ta abril de 2020 e que estarán clasificados en cinco áreas : eido artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, deporte, eido social. A maior parte dos fondos se dedicará nesta xeira de axudas a proxectos presentados por entidades locais (concellos e deputacións), aos que se destinará ata 875.000 euros. As entidades privadas, xa sexan persoas físicas ou empresas, disporán de algo menos: 825.000 euros. Finalmente as organizacións sen ánimo de lucro, entre as que están todas as asociacións culturais, contarán con 300.000 euros para apoiar os seus proxectos dentro deste programa.

Para afondar neste programa, a Consellería de Cultura e Turismo organiza un encontro informativo sobre a orde de axudas O Teu Xacobeo, que terá lugar o sábado 12 de xaneiro de 2019, ás 12h, no Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela). Para asistir, cómpre confirmación antes dese día no teléfono 981 544 801 ou no correo electrónico secretaria.conselleiro@xunta.gal.