Suburban Birds faise co premio de Novos Cinemas

Trinta lumes de Diana Toucedo fíxose co Premio do Público

Imaxe de <i>Suburbian Birds</i>
Imaxe de Suburbian Birds
Onte, domingo 16 de decembro, fechaba as súas portas en Pontevedra a terceira xeira do festival Novos Cinemas. O xurado internacional, composto por Paula Astorga, Manolo González e Eloy Domínguez Serén acordou outorgalle o premio á mellor longametraxe a Suburban Birds de Qui Sheng, "por ser unha exploración audaz e luminosa, que retrata de xeito fascinante a transformación social, cultural e identitaria dunha sociedade a través da súa transfiguración urbanística". Canda a ela, Un violento desexo de ledicia, de Clément Schneider obtivo unha mención especial.

O xurado novo, composto por Ricardo Araújo Gil, Amy Margaret Egan, Pedro Ignacio Ferrari, Ángela Hernández González e Noemí Parga Iglesia acordou pola súa banda entregarlle o seu galardón a Sophia Antipolis de Laura Vernier, mentres o xurado Latexos, formado por Violeta Kovacsics, José Manuel López e Ramon Rey outorgáronlle o Premio Especial NUMAX Sección Latexos a Young & Beautiful de Marina Lameiro. Finalmente, a cineasta galega Diana Toucedo conseguiu o Premio do Público co seu filme Trinta lumes.