Onte, domingo 2 de xullo, botaba o feche en Pontevedra a segunda edición do festival Novos Cinemas. A xeira rematou cunha entrega de premios na que se impuxo o filme Le Parc, de Damien Manivel, a quen o xurado recoñeceu co premio oficial á mellor longametraxe en recoñecemento á "verdade coa que retrata os primeiros encontros amorosos e a súa arriscada proposta narrativa". Ademais, acordou outorgalle unha mención a I Tempi Felici Verranno Presto, de Alessandro Comodin,"pola forza e a suxerencia das súas imaxes que viaxan dunha maneira moi libre da realidade ao mito". Canda a estes, destaca o premio do público, que seleccionou Estiu 1993 de Carla Simón como a súa favorita. O premio permitirá que o filme se integre na rede de distribución Cinemas de Galicia da Axencia Galega das Industrias Culturais.