Carla Simón recibe o Premio de Cinematografía de Novos Cinemas

O galardón de nova creación entregouse durante a presentación do festival que comezará o vindeiro martes

Carla Simón. Foto: David Ruano
Carla Simón. Foto: David Ruano
Coincidindo coa presentación do programa do seu décimo aniversario o festival Novos Cinemas de Pontevedra entregou hoxe á cineasta Carla Simón o que é o primeiro Premio de Cinematografía Novos Cinemas, un recoñecemento que nace para destacar olladas singulares e comprometidas coa linguaxe cinematográfica. O premio nace co impulso do Concello e da Deputación de Pontevedra, e representa un desexo largamente compartido polo festival: recoñecer a implicación autoral, o risco creativo e a coherencia ética e estética que definen unha cinematografía viva e transformadora.


A directora de 'Romería' expresou a súa emoción por recibir o galardón nun festival co que mantén un vínculo persoal e artístico moi especial dende que hai oito anos presentou 'Estiu 1993'. "Volver a Pontevedra a recoller este premio de Novos Cinemas é como unha peza que me axuda a pechar un círculo, o círculo das miñas películas máis persoais, sobre as miñas familias e as miñas raíces. Sinto que chegou o momento de deixar ir para seguir crecendo a nivel cinematográfico e persoal. Emocióname pensar que ese novo comezo tamén nace aquí, que sinto que é a miña outra casa", afirmou Carla Simón. A directora de películas como 'Alcarrás' valorou que o Premio de Cinematografía Novos Cinemas "recoñeza o risco creativo e a coherencia ética e estética".

O Teatro principal de Pontevedra acollía hoxe a entrega e a presentación do festival que terá lugar entre o 9 e o 14 decembro e que xa dispón do programa no seu web. Dúas longametraxes dirixidas por guionistas e cineastas marinenses serán as que abran e pechen esta décima edición: por un lado 'As liñas descontínuas' de Anxos Fazáns e para rematar 'Así chegou a noite' do cineasta Ángel Santos, fundador e exdirector artístico do festival. Nove longametraxes inéditas en Galicia -cinco delas presentadas en España- que intentan ilustrar algún dos posibles vieiros do cinema contemporáneo conformarán a Sección Oficial do festival, mentres que na menos ortodoxa sección Latexos serán catro os filmes que afondan nas capacidades expresivas do medio. Este aniversario chega acompañado do nacemento de TerraLab e Ágora, dous espazos dedicados á formación e á industria cinematográfica.