O CDG convoca a contratación de elenco para a produción 'Neorretranca e posmorriña'

Gena Baamonde dirixirá o seguinte espectáculo propio da compañía pública

Gena Baamonde dirixirá o seguinte espectáculo propio da compañía pública
Gena Baamonde recollendo o María Casares á mellor dirección por Elisa e Marcela Foto: AAAG /La DIAPO
Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde (Gañadora dos últimos premios María Casares pola dirección de Elisa e Marcela con A Panadaría) a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección de 10 interpretes que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.

En liña coa idea transmitida hai un ano na presentación do temporada do CDG feita baixo o lema Xa non hai que dicir que chove, a reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.

Bases e selección
O CDG convoca 10 prazas de intérpretes -catro con categoría de protagonistas e seis de principais- das cales 6 son para actrices e as outras catro poden ser ocupadas indistintamente por actores ou actrices. Ademais entre as características que se que lles pide a estas prazas detállase, en 3 delas pídese ter coñecementos de danza, noutra é preciso telos de canto e en dous delas especifícase que "Primará persoa racializada". O proceso de selección seguirá os procedementos que veñen sendo habituais desde hai uns anos no CDG e que foron obxecto de continuadas críticas por parte do sector actoral, representado maioritariamente pola Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG), que neste caso aínda non se pronunciou mentres están a estudar en detalle as bases publicadas hoxe no web da Agadic. Os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.


O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios...), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais. As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.