Compostela preparará o Nadal co festival de artes escénicas FestAlegre

O evento nace dos Orzamentos Participativos do Concello e ofrecerá dez espectáculos

O evento nace dos Orzamentos Participativos do Concello e ofrecerá dez espectáculos
Dez espectáculos de circo, danza, música e teatro en seis escenarios diferentes de Santiago de Compostela. É a proposta da Concellaría de Acción Cultural no programa FestAlegre, que se vai desenvolver na semana do 17 ao 23 de decembro a para o que dispón un orzamento de 35.000 euros. Catro das actuacións se desenvolverán no Teatro Principal e unha máis no Auditorio de Galicia, pero os demais espectáculos terán lugar en espazos que non son habitualmente empregados na programación cultural do Concello de Santiago, como son a sede da SGAE, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Museo de Historia Natural e a Casa de Europa, todos eles no ámbito da Finca de Vista Alegre. FestAlegre arrincará no Teatro Principal, onde están previstas ata catro das actuacións do cartel. As tres primeiras son proxectos escénicos xurdidos na Berberecheira, o espazo creativo creado pola compañía Chévere que por vez primeira poderán verse en Santiago.

A primeira das propostas, o 17 de decembro, será a montaxe Goldi Libre, un traballo de teatro-documento sobre o movemento da insubmisión nos anos 80 e 90. Ao día seguinte, o 18 de decembro, a actriz Iria Pinheiro subirá ao escenario do Teatro Principal para representar a súa Anatomía dunha serea. Xa o día 19, o FestAlegre permitiranos coñecer a obra audiovisual Salvador, de Borja Fernández e Laura Iturralde. Trátase dun proxecto de artes escénicas sobre os movementos migratorios co que se pecha a Triloxía 666, tres pezas escénicas separadas seis anos no tempo.

Finca de Vista Alegre
Tras do arranque do FestAlegre no Teatro Principal, o programa trasladarase á Finca de Vista Alegre, con ata cinco espectáculos nos espazos nela localizados. Na sede da SGAE, Helen Bartels e Mónica de Nut representarán as súas Accións Nimias o 20 de decembro a partir das 20:00 horas; e media hora máis tarde, na sede da Escola de Altos Estudos Musicais poderemos ver o programa Nadal, ti que cantas, da asociación cultural e musical Solfa.

Xa o 21 de decembro, a partir das 18:00 horas, está previsto que o Museo de Historia Natural acolla a representación de A música das árbores, con Anxo Moure e Servando Barreiro. Este é un espectáculo familiar para todas as idades. Na Casa de Europa están previstos dous dos espectáculos. O 21 de decembro, ás 20:00 horas, acollerá un recital multidisciplinar do Grupo Oriol con poemas de Eva Veiga. Ao día seguinte, tamén ás 20:.00 horas, haberá un concerto de Cova Villegas e o dúo Delta Galgos, baseado na obra poética de Antonio Gamoneda.

Auditorio e Principal
O FestAlegre pecharase con cadansúa proposta no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal. A primeira, o 22 de decembro a partir das 19:00 horas, será o espectáculo Orquestra de malabares, coa participación da Banda Municipal de Música de Santiago e dun grupo de sete malabaristas A axenda do festival complétase cunha nova entrega de As raíces na pedra no Teatro Principal. Será o 23 de decembro, ás 19:00 horas, coa participación do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e da Agrupación Cantigas e Agarimos, e centrado na tradición galega dos cantos de reis.

O programa FestAlegre é unha proposta da Concellaría de Acción Cultural que nace dos Orzamentos Participativos Compostela Decide. Todas as actuacións serán libres ata completar aforo e só será precisa a retirada previa de convites para o espectáculo do 23 de decembro no Teatro Principal.