Antonella Palumbo gaña o II Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago

A obra compara unha ruta de peregrinación en Italia co fenómeno xacobeo

O II Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, que convoca a Cátedra do Camiño de Santiago da USC foi para italia. A investigadora Antonella Palumbo fíxose co galardón, dotado con 1.000 euros, polo seu traballo sobre a peregrinación en Italia. En concreto, e segundo infroma a Axencia de Turismo de Galicia, Palumbo "compara a peregrinación a Santiago de Compostela e ao santuario de San Miguel en Monte Gargano, no sur de Italia" nunha tese doutoral inédita que defendeu en 2017 na Universidade d`Annunzio de Pescara. O xurado valorou a "orixinalidade e a especial atención prestada a un dos capítulos menos coñecidos da peregrinación nas vías secundarias (os tratturi), onde era destacada a presenza de capelas dedicadas ao Apóstolo Santiago e ao Arcánxel".


A Cátedra outorgou ademais por vez primeira dúas bolsas, unha para a realización dun estudo ao redor da demarcación do Camiño Portugués, realizado polo investigador Carlos Manso e outro encol "dos hospitais do Camiño de Santiago que permitirá facer un cartografado destas infraestruturas, a cargo de Estefanía López", segundo informa a entidade.