Luz Darriba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antón Santamarina e Ramón Villares, galardoados cos Premios da Cultura Galega

Tamén foron recoñecidos con estes galardóns A Roda, O Sorriso de Daniel, o FIOT, e mais o Festival de Cans

Xurado dos Premios da Cultura
Xurado dos Premios da Cultura
O xurado dos Premios da Cultura Galega, que concede anualmente a Xunta de Galicia, daba a coñecer onte a listaxe de galardoados nesta xeira. Xosé María Álvarez Cáccamo, "un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual", segundo a organización, foi recoñecido co galardón na modalidade de letras, mentres a creadora Luz Darriba levou o Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. O traballo do Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT de Carballo que "pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia", valeulle a este evento no galardón no campo das artes escénicas.


O ser "un dos grupos en activo máis antigos e comprometidos coa lingua galega" convenceu ao xurado para lle conceder ao grupo A Roda o galardón no apartado de Música, mentres o se ter convertido "nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras" valeulle o recoñecemento na categoría de Audiovisual ao Festival de Cans.

O histórico lingüista Antón Santamarina viu recoñecida a súa carreira de investigación co Premio de Lingua, a Asociación O Sorriso de Daniel conseguiu o Premio de Patrimonio polo seu intenso labor a prol do coñecemento e difusión do legado medieval galego. Finalmente, o expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, obtivo o Premio de Acción Exterior en recoñecemento ao traballo que desenvolveu a institución neste ámbito baixo o seu mandato "con iniciativas como Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia; ou coa recuperación da historia do asociacionismo galego na emigración, materializada na exposición Nós mesmos".

O Conselleiro de Educación e Cultura Román Rodríguez presidiu un xurado do que fixeron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, por delegación da súa presidenta; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, por delegación do presidente da institución; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez, por delegación do presidente da entidade; o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Manuel Aldea Moscoso, editor e xestor cultural; a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos, a escritora María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truqe. Actuou como secretaria a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral da Cultura, Marta Bardal Sanmiguel.