Sarabela estrea en Ourense 'Celebración. A gran noite'

A compañía explora os mecanismos da exclusión nunha peza entre o patetismo e a comicidade

19/9/2018 | Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEspectáculos
23 lecturas | Compartido 0 veces

Cartaz da estrea

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá os días 20 e 21 de setembro, ás 21 horas, a estrea de Celebración. A gran noite a última obra da compañía ourensá Sarabela Teatro, "unha alegoría sobre o totalitarismo e a delimitación de fronteiras entre as clases privilexiadas e as desfavorecidas", segundo o explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación do espectáculo no salón de plenos nun acto que contou coa presenza do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; do autor da obra, Fernando Dacosta e do director Daniel Salgado.
Celebración. A gran noite é unha obra escrita por Fernando Dacosta que se inspira na obra do dramaturgo francés Jean-Luc Lagarce, preocupado por abordar nas súas pezas a exclusión e a necesidade de pertenza a un grupo ou comunidade. O espectáculo dirixido por Daniel Salgado, que fai o número 52 na traxectoria da compañía, discorre entre situacións que explotan a comicidade e o patetismo, para provocar a emoción dos espectadores a través dunha trama argumental de vertixe, desencadeada tralo convite a unha gran festa. Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo e Fernando Dacosta interpretan a nova proposta da compañía ourensá, na que se verán os deseños de José Faro (escenografía), Baltasar Patiño (iluminación), Ruth Pereira (vestiario) ou Raquel F. Fidalgo (maquillaxe e caracterización). O prezo das entradas é desde cinco euros. Pódense comprar de forma anticipada na web de ataquilla.com.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego