O CGAC celebra 25 anos cunha intervención en Bonaval, danza, concertos e obradoiros

O programa de aniversario do centro compostelán desenvólvese do 26 ao 30 de setembro

18/9/2018 | Santiago. Redacción | Seccións: arte
48 lecturas | Compartido 0 veces

Cunha mesa redonda na que participarán catro dos seis directores que tivo ao longo da súa historia comezan o vindeiro 26 de setembro os actos do 25 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea. A sede da institución en Compostela acollía esta mañá a presentación do programa da man do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e mais de Santiago Olmo, director do CGAC. Malia a que os dous insistiron en que a celebración xa se está a desenvolver desde comezos do ano con exposicións como a Colección CGAC 25, que repasa os fondos depositados neste espazo, será a partir da vindeira semana, a coincidir coa data do aniversario, o 29 de setembro, cando se concentren os eventos.

Un dos eixes da celebración será a intervención de Javier Riera, que realizará proxeccións luminosas de formas xeométricas e inspiradas en petróglifos no parque de Bonaval. Os días 27, 28 e 29 de setembro e o 6, 13 e 20 de outubro, a partir das 21 horas, poderá contemplarse esta instalación que transforma o parque nun espazo escenográfico. O día 28 de setembro unha acción da Thomas Noone Dance e un concerto de rock touareg a carbo de Bombino acompañarán esta acción artística. Para o 29 un maratón de obradoiros simultáneos achegarán aos participantes o mundo da serigrafía, una reflexión sobre a arquitectura e a transición da figuración á abstracción. A música de Aló Django en sesión vermú acompañará a xornada. Finalmente, o día 20 unha proxección de O maquinista da xeral acompañada da música ao vivo de Caspervek Trío fechará as celebracións.


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Danza, Santiago Olmo, Anxo Lorenzo, Exposicións...