Chegan os actos centrais do 30 aniversario do CGAC

Esta fin de semana viviranse diversas actividades de celebración incluíndo espectáculos e concertos

Esta fin de semana viviranse diversas actividades de celebración incluíndo espectáculos e concertos
Video mapping no CGAC
As conmemoracións do 30 aniversario do CGAC que se leva celebrando todo o ano chegan esta semana ao seu punto máis alto ao coincidir co días da súa inauguración, a apertura o 29 de setembro de 1993 cunha exposición de Maruja Mallo. Os actos centrais desta celebración terán lugar este venres, 29 de setembro, e o sábado. Estes días, tal e como estaba previsto e anunciado, levaranse a cabo na sede en Santiago varios actos festivos e actividades para todos os públicos, incluíndo concertos, danza vertical e un espectáculo de video mapping, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual: "Implosion. A arte conceptual na colección CGAC", comisariada por Pedro de Llano Neira que reunirá varias pezas entre a colección do museo, así como novas adquisicións recentes que aínda non foran mostradas, doazóns e un grupo de préstamos temporais de coleccionistas galegos ou de distintas institucións como o Museo Centro de Arte dos de Mayo.

Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Así, a noite do venres 29, os muros exteriores e a terraza converterase en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés. A partir das 21,00 horas mesturarase danza contemporánea e artes dixitais ao tempo que se incorporarán secuencias de danza clásica. De feito, dependuradas da estrutura do edificio, as bailarinas Saioa Fernández e Sheila Ferrer interpretarán pezas de ballets como O lago dos cisnes ou O Crebanoces. Tras o espectáculo, realizarase unha sesión de vídeomapping en 3D sobre a fachada do museo a cargo de Maxina. Mediante un xogo de luces e ilusións ópticas, a proxección percorrerá os 30 anos de historia do CGAC evocando algunhas das obras que no seu día estiveron expostas nos seus espazos máis representativos.

Faia, Malandrómena e Jungle by Night
O sábado 30 as actividades continuarán con tres concertos nos exteriores do museo a partir das 21,00 horas. Todos serán tamén de acceso libre e de balde. A primeira actuación correrá a cargo de Faia, artista que traballa coa música de tradición oral coa voz como ferramenta esencial. Recuperará coplas transmitidas de boca en boca que, á súa vez, completará con novas voces nun recital sobre a memoria colectiva do CGAC. O grupo de rap compostelán Malandrómena continuará a noite de música e, para pechar as celebracións, contarase coa banda Jungle by Night integrada por sete rapaces neerlandeses cuxos directos os converten en estrelas improvisadas de todos os festivais nos que participan.