A sede de Afundación de Vigo acolle unha exposición do Outono Fotográfico

A mostra de Jon Gorospe, Premio Galicia de Fotografía, poderá verse ata o día 29

A mostra de Jon Gorospe, Premio Galicia de Fotografía, poderá verse ata o día 29
Fotografía de Jon Gorospe Fonte : Afundación
Afundación, a Obra Social de ABANCA, albergará desde mañá na súa sede de Vigo (Policarpo Sanz, 26) a mostra «Jon Gorospe. IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» da man do festival Outono Fotográfico. A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro día 29, chega agora a Vigo despois de expoñerse en cidades como París, Oslo, Madrid, Braga ou Sochi (Rusia). Como actividade complementaria á mostra, o día 28 de setembro, ás 19.30 h, terá lugar un encontro co fotógrafo Jon Gorospe e o comisario da mesma, Vítor Nieves. Jon Gorospe foi galardoado na cuarta convocatoria do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea polo seu ensaio fotográfico «Environments», unha reflexión sobre a ocultación dos residuos que se xeran no planeta. Nesta serie o artista retrata o instinto do ser humano de apartar e enterrar os residuos que produce, a maneira en que os traslada dunha contorna a outro, expulsándoos do seu espazo vital para abandonalos en vertedoiros que por si mesmos acaban conformando novas paisaxes e arquitecturas. Esta exposición baixo selo do Outono fotográfico de Ourense chega despois de que en agosto os organizadores do evento anunciasen a súa morte pola falta de compromiso do Concello ourensán