Nace o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Está vencellado ao Outono Fotográfico e conta cun orzamento de 16.000 euros

Promover a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente o Outono Fotográfico e situar o noso país no panorama internacional de galardóns para esta arte. Con estes obxectivos nace o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que se presentaba esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela. Nado da man do Outono Fotográfico e coa colaboración económica da Deputación de Lugo e mais da Consellaría de Cultura, o novo galardón conta cun orzamento de 16.000 euros, que se destinarán a producir unha exposición do proxecto gañador e mais a editar un volume que recolla o mesmo.

O prazo para presentarse ao certame está aberto ata o vindeiro 4 de outubro para calquera proxecto fotográfico que teña sido realizado ao longo dos últimos dez anos sen apoio de bolsas ou premios e que estea cando menos parcialmente inédito.

A exposición co traballo gañador estrearase o vindeiro 28 de novembro no Museo Provincial de Lugo e comezará entón unha itinerancia prevista para cinco anos de duración.