Entidades sen ánimo de lucro repartirán 800.000 euros para a dixitalización de patrimonio

A Xunta convocou onte esta liña de axudas no marco da estratexia Memoria Dixital de Galicia

Entidades públicas e organizacións privadas sen ánimo de lucro poden optar a partir de hoxe á nova convocatoria de axudas para a dixitalización de patrimonio cultural. O Diario Oficial de Galicia recollía onte esta liña de subvencións, dotada con 800.000 euros e destinada á dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Os recursos dixitais que se xeren nos proxectos subvencionados difundiranse a través do portal Galiciana. Cada solicitude, que ten un prazo de mes para se presentar, pode optar ata un máximo de 90.000 euros.

O vindeiro venres 20 de xullo celebrarase unha xornada informativa no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura para dar a coñecer os detalles e resolver dúbidas sobre esta convocatoria. A liña de axudas enmárcase na estratexia Memoria Dixital de Galicia.