Ano dous da romaría 'indie'

O segundo PortAmérica de Caldas colga o cartel de completo en dúas das tres xornadas na carballeira

O segundo PortAmérica de Caldas colga o cartel de completo en dúas das tres xornadas na carballeira
Portamérica 2018 Foto: S.Montes
As impresións que obtivemos o pasado ano desta cita non fixeron máis que confirmarse este 2018. O PortAmérica-Cultura Quente é unha marabillosa romaría sen santos nin misas e da que se sae cun sorriso nos beizos. A carballeira de Caldas de Reis acolleu nesta ocasión un caudal aínda maior de xente, con todas as entradas vendidas para dúas das xornadas e de novo cun gran éxito de ambiente e de oferta musical. Público de todas as idades e condicións acudía na xornada inaugural ao recinto. Ao abeiro das grandes e maxestosas árbores daba comezo o segundo PortAmérica de Caldas. Para a organización era ademais un aniversario importante, facíanse 20 anos xa desque nese mesmo sitio comezaran as celebracións do Cultura Quente, que agora engloba o propio PortAmérica e outras moitas actividades ao longo do mes. Un atractivo cartel, baseado como sempre no intercambio musical entre as dúas beiras atlánticas, facía presaxiar tres xornadas moi especiais, relaxadas e excitantes ao tempo, como é marca desta cita á beira do río Umia.

O cartel de artistas xa comezaba a deseñarse ante de rematar o ano 2017 facendo 14 importantes confirmacións para acadar posicións nas axendas esenciais do seu público potencial. Un dos cabezas de cartel con máis tirón, os madrileños Izal, xa se daba a coñecer naquel momento. Xunto a eles outros interesantes nomes da música independente como Viva Suecia, Neuman, La Habitación Roja, La Pegatina, Shinova o El Columpio Asesino. Prevíase un festival de moito cantar para o público, moi receptivo coa música indie en español para a participación. Ademais dentro da propia filosofía do festival iamos coñecer de cerca algunhas das máis interesantes ofertas da música moderna que se fai na América latina actualmente. La Vida Bohème, Los auténticos decadentes, We the Lion e os mexicanos Mexrrissey entraron nesa primeira tanda de confirmacións obrigándonos a ampliar as miras e buscar nas plataformas dixitais para saber como soan estes grupos dos que tan pouco sabiamos. Houbo que agardar a abril para coñecer unha nova manda de nomes do cartel deste ano. Aí, entre outros, xa fixeron entrada outros dous grandes nomes de cabeceira: Vetusta Morla e Imelda May. Ademais a organización mirou tamén para a Europa máis contestataria anunciando ás rusas Pussy Riot. Coa incorporación na cabeza de Xoel López en maio o festival tiña xe pechado un atractivo e pouco frecuente cartel para esta edición.

Chegar e encher
A pequena vila pontevedresa era xa todo axitación o xoves. En Caldas están afeitos a ter moito estranxeiro e turista polas rúas como parte de ser unha vila de paso do Camiño Portugués a Santiago, pero o perfil do peregrino é distinto ao do visitante que acude a unha nova edición do PortAmérica. Desde o mesmo momento no que se entra no recinto do festival pode percibirse unha diferencia con case calquera outro festival. Entrar na frondosidade a través dos camiños do xardín botánico e recibido xa polos postos dunha ONG de solidariedade e tras diso un acolledor mercadiño de roupa, artesanía e outros produtos singulares do seu Mercado de talentos dirixido a deseñadores e artesáns. Ademais xa antes do arco de entrada estaba posicionado un posto de benvida de Fest Galicia, a marca creada pola Xunta de Galicia para o impulso e aproveitamento da oferta festivaleira do país. Esta era a primeira cita na que esta marca comezaba a súa actividade presencial, a través da súa imaxe e tamén con outras accións de varios departamentos da Xunta. Neste caso Fest Galicia fíxose bastante presente a través das enquisas sobre repercusións socioeconómicas dos festivais que o seu equipo foi espallando e recollendo entre o público asistente que se animaba a participar dando datos que servirán para un estudo de impacto e tamén para redacción dun Manual de Boas Prácticas.

Nas semanas anteriores ao comezo do festival soubemos da cancelación da actuación de Mexrrissey. Os mexicanos intérpretes dun fermoso e moi particular repertorio que "mexicaniza" as cancións da banda inglesa The Smiths e do seu frontman Morrisey erán un dos nosos intereses particulares para ver nesta edición pero o cartel seguía a ofrecer moitas boas opcións. No mesmo día da inauguración tamén caeu do cartel outro nome, a banda boliviana Chico Trujillo tiña que suspender a súa actuación debido a un problema de cancelación do voo que os traía vía Oporto. A súbita nova descolocou en parte a previsión horaria do día e a organización se apresurou a recolocar os horarios para buscar o menor impacto posible entre as protestas dalgúns seguidores da propia banda abandeirada da nova cumbia.

Plano do recinto



Chegamos xusto a tempo de ver o inicio do Showrocking, outra das parte máis diferenciadoras deste evento con respecto a calquera outro festival. Os primeiros chefs puñan a punto os detalles das súas tapas para a primeira quenda do día. Nesta xornada era a representación da alta cociña galega a que daba o primeiro paso á fronte. Pepe Solla, coordinador máximo dos fogóns, ofrecía as súas variedades xunto a Héctor López, Xoán Crujeiras, Javier Olleros e Iñaki Bretal na primeira quenda, outros sete chefs galegos rematarían o día. O grupo Jenny and the Mexicats ocupaba o miniescenario que coroaba as cociñas deixando unha mostra do que farían máis tarde nun dos palcos. As barras do Showrocking foron desde ese momento e ta o final do festival o sitio onde máis xente chegaba a xuntarse en todo momento. Se ben ás veces a espera para acadar algunhas das tapas era longa as posteriores caras de sorpresa e satisfacción ao poder degustalas borraba calquera parte negativa desa dilación. Un ano máis o Showrocking do PortAmérica foi un éxito e un elemento sen comparación posible noutro festival calquera.

Verbena indie
Eran as 20:45 cando a banda arxentina Los Auténticos Decadentes comezaba a poñer a súa música ao servizo da festa. Rock, ská e mesmo ritmos tropicais na súa bandexa de cores. A numerosa formación encadeaba temas e sons latinos que neles soan coa sinceridade que dá servir á raíz cultural natural. A caótica e divertida tropa non escatima ademais elementos do cómico para facer ferver o ambiente mentres eles están sobre o escenario. ”Quiero ser un pendejo aunque me vuelva viejo” cantan como declaración de intencións. Mentres eles achegan este aire fresco a carballeira está chea hoxe de familias e rapazada que se move por este festival como se movería por unha verbena. As crianzas corren e xogan ante os palcos e por entre a xente. Hai unha enorme mestura de idades e condicións, desde os hipsters de camisa de flores ata xente anciá que case semella que "pasaban por alí", nalgúns momentos podemos ver ata unha parella madura bailando un "agarrado".

Os sombreiros de palla aquí e alá, xentileza da deputación pontevedresa, adornaban as cabezas aumentando esa sensación de festa campestre á que contribúe a disposición de todos os elementos na carballeira e á existencia de todos eses recunchos para o descanso e a socialización. De novo na beira do río ese espazo para o relax, onde sentar, participar nun karaoke, bailar o ritmo do picadiscos da Duendeneta... Mesas e bancos corridos como nas mellores festas parroquiais favorecendo a celebración dunha xuntanza festiva que vai máis alá dos concertos. Todo isto contribúa a crear neste singular espazo un ambiente especial, relaxado e festivo. Nada que ver con eses eventos nos que todo son presas e incomodidades na mobilidade e nos avituallamentos polos recintos. Nesta verbena "indie" hai tempo e espazo para gozar do sitio, dos amigos e de todo o que se ofrece en comida e bebida. Iso si, non se pode dicir que os prezos fose realmente populares e menos tendo en conta que só había que saír do recinto e andar douscentos metros para estar no medio da vila onde se podía conseguir un auga ou un bocadillo a prezos razoables. A moeda oficial do PortAmérica, os Amaros, eran o único xeito de manexarse no recinto. De novo un medio de cambio non retornable e sen máis ferramentas de compra que pasar por algunha das casetas de cambio, copadas en moitos casos das colas razoables para un caso no que ninguén quere marchar para casa con moedas que de nada serven fóra de alí, nin dun ano para outro, por máis que nesta edición se optase por uns deseños personalizados cos logos e nomes das bandas de cabeza do cartel.

A xornada inaugural, como é habitual nos xoves, non encheu condicionada a asistencia para moita xente por cuestión de traballo ou imposibilidade de achegarse ata Caldas nos horarios do festival. A asistencia, aínda así non era nada mala e moi semellante á do pasado ano que reunía 4000 persoas. Tras do parón en que o dúo Boyanka Kostova amenizaron o sempre concorrido Showrocking, foi a quenda do panameño Carlos Méndez ás 22 horas cos novos horarios reformados no escenario Cultura Quente. Blues e soul en castelán de boa factura e sen complexos. E de seguido subía ao Escenario Estrella Galicia Imelda May coa súa banda. A irlandesa ven de iniciar unha nova etapa na súa carreira e suscitaba gran expectación, conseguindo ademais congregar un público propio e fiel. A artista emblema do novo r&b e rockabilly está a presentar o seu máis recente traballo Live, Life, Flesh and Blood(2017), un gran cambio sonoro e estético saído dun doloroso proceso persoal de separación. A irlandesa, semella máis escura e sentida, xa non se presenta a si mesma con aqueles coloridos e divertidos vestidos rockabilly e o seu tupé. Na súa nova etapa a vemos máis cerca dunha Chrissie Hynde e incluso achegándose ao soul e saíndo ben parada no intento. A irlandesa non deixou de poñer sobre a escena algúns dos seus temas emblemáticos pero está claro que nesta etapa hai algúns deles descartados porque non encaixarían con ese sentimento que transmite. Resultou emocionante presentado o tema Love and fear do novo álbum. "I'm not a preacher. I am just a musician. In the choose between love and fear I choose love", deixou dito a artista presntando o tema Love and fear nun recital realmente emocionante só magoado polos ecos da música da Duendeneta que entraban en exceso no ambiente da actuación dun xeito inexplicable se temos en conta que a de May era a actuación da cabeza de cartel. O xoves non nos deu para máis e deixamos para quen non tivese traballo ao día seguinte a posibilidade de ver ás rusas Pussy Riot que actuaban a unha tardía hora das 2:30 da madrugada, imposible para nós.

Mesmo sitio e distinto lugar para Vetusta
O xornada do venres a pouco de comezar tiña todo o papel vendido, situación que xa se sabía previamente coa do sábado. Iso significa que no recinto do PortAmérica ía chegar a haber eses días 10.000 persoas, cando menos nos momentos das grandes actuacións. En termos xerais o recinto e os seus servizos e instalacións resistiron dignamente ese fluxo malia que nalgúns momentos puntuais se fixese complicado o acceso a baños e houbese enormes colas na zona de restauración dos postos de comida e Showrocking: En realidade a febleza máis destacada do festival ante esa cantidade de xente era a relativa a poder gozar correctamente do espectáculo. Os desniveis do terreo onde se coloca o palco principal e as propias árbores non favorecían poder conseguir unha boa situación con visibilidade nunha área achegada como é de desexar nunha cita deste tamaño. O bo ambiente non se dañaba malia a cantiade de xento e iso compensaba as incomodidades.

Apenas chegamos para escoitar o guitarreo de Neuman despedíndose, pouco podemos dicir del xa que estabamos máis ocupadas preparándonos para coller un sitio desde o que poder ver ben a Viva Suecia. A banda de rock independente leva dous anos nos que o sitio onde mais toca é Galicia. Por boca do seu vocalista rafa val, os murcianos agradeceron fondamente a acollida. Temas fundamentais como Bien por ti ou ese tema sacado en conxunto con Elyella, Todo lo que importa, aquí solo con guitarras, foron coreados ata a extenuación por un publico que correspondía á entrega dos murcianos. Agora están a presentar ese estupendo traballo cheo de himnos que é Otros principios fundamentales(Subterfuge, 2017) con temas que convenceron no seu potentísimo directo como Hemos ganado tiempo co que pecharon no máis alto da exaltación un magnífico concerto. O grupo se despedía do público mentres polos altofalantes soaba o Negra Sombra de Luz Casal deixando un efecto transcendente.

Aproveitamos o momento da actuación de La Habitación Roja para recuperar forzas e cear, nunha decisión tomada pola necesidade que non polo gusto. Dende lonxe, nunha das colas da comida, podiamos notar que a banda estaba a facer un concerto vibrante e conseguindo facer mover uns cuantos milleiros de pernas e cabezas fronte ao seu escenario mentres cada vez máis xente entraba no recinto ata o cheo previo á actuación dos cabezas do cartel da xornada. Vetusta Morla son máis que unha banda, un referente indie que chegou a ser popular sen a axuda dos grandes medios de comunicación nin as radiofórmulas, sumando seguidores en España e latinoamérica a cada concerto fose pequeno ou grande ata o punto de poder encher un recinto como a Caja Mágica de Madrid con case 40.000 persoas nun concerto propio. Os de Tres Cantos fan este ano 20 anos de actividade musical, os mesmos que o Cultura Quente e tamén están asociados a este festival por varios motivos na súa biografía propia. Entre as súa moitas ocasións dedicadas a falar co público Pucho, vocalista, lembrou o debut da banda no Cultura Quente de fai dez anos e ademais o feito de que o seu manager, Kin Martínez, é tamén o organizador deste evento desde os seus inicios a través da empresa Esmerarte. Para Pucho esta actuación era como “estar na casa” o que encaixaba perfectamente para a ocasión co nome do disco que están a defender en xira actualmente Mismo sitio, distinto lugar.

Os Vetusta despregaron toda a forza do seu directo, máis que contrastado e convenceron sobradamente da súa vixencia na punta de lanza do rock independente en español. A banda abriu o espectáculo con Fuego, do seu disco La deriva (2014) para entrar xa despois nos novos temas con Guerra civil e 23 de Junio, que os seus seguidores xa fixeron súas tamén. Con Te lo digo a ti, Consejo de sabios ou conseguiron deixar na xente o “efecto Vetusta Morla” satisfactorio da experiencia, malia que nalgún momento os longos monólogos de Pucho cortasen un pouco o ritmo.

Deixamos aos vascos WAS (antes We are Estandar) comezando e marcando un ritmo diferente co seu techno rock mentres parte do publico abandonaba o recinto e a sesión nocturna daba comezo. "Este es un bolo para bailar" anunciaba o cantante Deu Txakartegi, e polo que sabemos así foi.

Dia de enerxías positivas
O sábado o bo tempo seguía acompañando, calor e sol asegurados, o que para moitos significaba compaxinar festival e Praia. As achegadas praias da Ría de Arousa foron o lugar de escape perfecto para moita xente antes de ir á carballeira a gozar do frescor baixo as árbores e da música nos palcos. No escenario principal Los Coronas volvían tamén ao Cultura Quente polo que pasaran xa en 2006 e 2009. A banda madrileña de surf rock son todo actitude sobre o escenario enfundados nas súas camisas vermellas e deixando claro que se fan música instrumental non é porque non saiban cantar, é porque non queren facelo. A tarde calorosa invitaba ao relax e a refrescarse, cousa que fixemos mentres Shinova interpretaba sobre o escenario Cultura Quente os seus temas. A música en castelán seguía a ser a raíña e a banda biscaíña buscaba cos seus temas máis coñecidos Que casualidad, Para cambiar el mundo a complicidade do público aínda en fase crecente. Para os Shinova tocar en Galicia tamén ten un sabor especial xa que algunhas experiencias propias nesta terra teñen o seu reflexo en moitas das súas letras. Mentres, fomos collendo sitio para ver en boa situación a Xoel López un dos dous cabezas de cartel da noite do sábado. Había moita expectación por ver ao coruñés defendendo en directo os temas do seu recente disco Sueños y pan (2017) editado baixo o selo de Esmerarte, empresa organizadora do propio festival. A expectación era maior, se cabe, dada a comparación co gran concerto que Xoel deu o pasado ano no mesmo escenario.

Cun leve retraso respecto a hora establecida saíu o músico a escena acompañado do seu grupo acompañante. O concerto comezaría xa co tema que abre o novo disco Jaguar para seguir, como no álbum con Cometa. Foi na terceira canción de Xoel cando por fin soou música en galego na carballeira de Caldas con Serpes. Á xente gustou de escoitar os seus acentos sobre o palco. Nese momento Xoel comezou a tirar do seu repertorio anterior coa magnífica Hombre de ninguna parte do álbum Atlántico(2012), tan acaída no seu deixe panamericano a un evento co concepto do PortAmérica. López conseguiu nese momento levantar ao público ao unísono e xa entregado co artista. A partires de aí López tirou de algúns dos seus temas máis coñecidos pero talvez pola influencia de Sueños y pan as interpretacións deixaban ver pequenas diferenzas nos arranxos que achegaban tons diferentes a ese temas tan marabillosos como moitas veces escoitados. Así apareceron as grandes Todo lo que mereces ou Terra, mesturadas harmonicamente entre as novas Balas e Frutos. Xoel conseguía unha comuñón total co seu público con Tierra, esa canción que é capaz de crear un ambiente especial sempre e que levou deseguida a unha versión de El amor valiente da súa etapa como Deluxe e que serviu para ir dando entrada a cantar a varios dos seus colaboradores como Juan de Dios, Adrián Seijas ou Lola Garrido. Volveu soar o galego con esa efectista e mobilizadora canción da Serea e o mariñeiro que nunca deixa de funcionar. O concerto rematou co De piedras y arena mojada e coa concorrencia pedindo máis a un Xoel López que nos amosou unha versión diferente á do pasado ano pero non por iso peor, facendo de novo da súa actuación unha festa alegre e especial a cada momento.

Na recta final do festival aínda quedaba moito por gozar e algo por descubrir. Este era o caso dos peruanos We the lion un grupo de folk-rock en inglés ao estilo das correntes renovadas e independentes deste xénero, sobre todo as estadounidenses. A banda, con só un ano e medio de vida están por segunda vez en España e teñen que sufrir etiquetas inxustas como a de ”os Mumford latinos” que non lles fan favor nin xustiza. Os peruanos son unha banda dunha gran calidade e simpatía e cun son vitalista e efectivo nun entorno como o desta carballeira de Caldas. Escoitalos foi un descubrimento, tanto nos seus temas propios como naquelas versións que fixeron con bo gusto de grupos como Of Monster and Men (Little tops) e The Lumineers (Ho hey) cos que están definitivamente máis emparentados en canto ao gusto intimista do son que coa superbanda inglesa de Marcus Mumford. En calquera caso o seu paso polo PortAmérica deixopu un bo sabor de boca e encaixou perfectamente entre as dúas actuacións estelares da noite.

Mikel Izal non deixou sen dicir nada do pouco que sabía pronunciar en galego na súa entrada en escena. Desde o "boas noites" inicial o líder da banda madrileña xa se facía de querer. Mikel é un deses artistas que debería saír nas listas de persoas famosas coas que ir tomar unha caña, e seguro que sería unha das preferidas sempre, tal é o carisma "buenrollista" do músico. IZAL están tamén en presentación do recente disco Autoterapia (2018) e era unha incógnita saber en que medida cambiarían as novas pezas un espectáculo que coa xira Copacabana (que pasou polo derradeiro PortAmérica de Nigrán) xa estaba considerado como un dos mellores directos nacionais. A resposta chegou pronto: só cambiaba na escenificación audiovisual e as novas cancións entraban en total conxunción cos temas anteriores. O propio Mikel, tras os dous primeiros temas pertencentes ao novo disco Autoterapia e Ruído blanco, daba paso con naturalidade a Copacabana levantando a loucura no público que enchía cada recuncho da carballeira. Inmediatamente o cantante nun dos seus continuos ( e breves) diálogos co público deixaba claro que non ían deixar de lado os principais temas da súa discografía que toda a súa enfeitizada afección quería escoitar. Chegaron Pausa, Pequeña gran revolución, Asuntos delicados e no medio esa curiosidade do novo álbum chamada La increíble historia del hombre que podía volar pero no sabía como, un tema, que como o propio Mikel desvelaba, fóra descartado inicialmente para converterse agora nun dos referentes deste traballo. A enerxía positiva que IZAL desprende é unha marca da casa que lles dá esa vitalidade que consegue facer saltar a todo o mundo nunha explosión de xubilo e bo rollo. Dise ás veces que IZAL saíron como unha copia de Vetusta Morla, tras velos a ambos no mesmo escenario cun día de diferencia esa afirmación non ten ningún sentido. Sen quitar ningún mérito nin restarlle calidade a ningún, son cousas tan diferentes nas súas letras e na súa presentación como a noite e o día. Neste caso a luz, hai que dicilo, cae do lado do positivismo que impregna incluso as letras máis intimistas de IZAL e que conseguen debuxar sorrisos ademais de facer bailar. La Mujer de verde non deixou de aparecer para facer berrar a todas e todos nun canto pola igualdade. IZAL saben que teñen en El baile a canción perfecta para un peche de manual, por todo o alto, sí que cando chegou o tema ninguén deixou nada por dar entregados o grupo e os milleiros na terra ao baile, pero nesta ocasión aproveitaron este tirón o grupo para rematar coa canción de bandeira do novo disco: El Pozo serviu de colofón dun magnífico concerto que nos deixou claro que esta xira de IZAL vai ser un fito como o foi a anterior.

Coa actuación de IZAL e cos fogóns do Showrocking apagados acababa para nós unha xornada final do PortAmérica cargada de enerxías positivas e cancións vitalistas e luminosas, sobre todo con esa cadea formada por Shinova-Xoel López-We the lion-IZAL . Aínda quedaban en ambos escenarios importantes achegas do programa como o punk de El Columpio Asesino e a festa final a cargo do dúo valenciano de Djs ELYELLA, auténticos especialistas en facer mover a festa e devolver a vida a corpos cansos despois de tres días de romaría nos que non houbo tempo para rezos pero si para risos, baile e boa comida.