O Son dos primeiros pasos

A primeira edición do festival O Son do Camiño deixa tras de si momentos para o recordo e moitas promesas a cumprir

A primeira edición do festival O Son do Camiño deixa tras de si momentos para o recordo e moitas promesas a cumprir
Actuación de The Killers Foto: S. Montes
A primeira edición de O Son do Camiño, o macro festival que volve dar vida ao Monte do Gozo e que promociona desde xa o Xacobeo 2021, encheu o recinto compostelán con milleiros de persoas e reuniu nos seus escenarios unha representación da música actual que vai desde o rock independente galego e a música alternativa ate estrelas populares que levan máis de vinte anos no máis alto da industria musical internacional. Un evento de alcance global que abre unha etapa nova no panorama da oferta de festivais na nosa terra cun macroevento que ven competir na numerosa oferta internacional e a poñer Galicia no mapa dos grandes concertos.

Alguén me dixo que nisto dos festivais era como no fútbol, no que todos somos mellores adestradores que o adestrador a pé de barra de bar e co partido xa decidido. Aquí todos somos organizadores en canto estamos metidos xa no allo e comezamos a ver cousas que cremos que se poderían mellorar. Pero organizar un evento para case 30.000 persoas, de tres días, cun enorme cartel de artistas que achegan moitas horas de música para case todos os gustos e cunha serie de servizos e medidas de seguridade necesarias é realmente algo moi complicado. Nese sentido, pequenos problemas ou insatisfaccións aparte, esta primeira edición do festival O Son do Camiño merece cando menos un notable. Este inicio de percorrido sen dúbida debe servir para ver cousas que mellorar para esas seguintes edicións coas que se pretende seguir ata o ano Xacobeo 2021, segundo era intención.

Nacido na polémica
O Son do Camiño pariuse entre berros, pero non do propio neonato senón do contexto político e cultural do país. O xeito no que se creou e no que se artellou a entrada do diñeiro público non resultaron da satisfacción da oposición parlamentaria nin de moitas voces do sector da industria musical. O gran caudal público recibido pola organización en concepto de patrocinio publicitario, case tres millóns de euros, levantou protestas e suspicacias. Desde a propia Asociación Galega de Empresas Musicais se fixeron públicas grandes dúbidas sobre a transparencia e lexitimidade desa adxudicación directa á UTE formada por Esmerarte e Old Navy Port no canto de facelo a través dunha concorrencia competitiva. Os fondos partían dos orzamentos de comunicación e publicidade da Axencia de Turismo de Galicia para a promoción turística e dentro das accións enfocadas no Xacobeo 2021. Segundo explicou a Cultura Galega Kin Martínez, cabeza da produtora Esmerarte, as empresas estaban a xogarse neste evento o dobre dos cartos que estaba a pagar a Xunta con ese contrato.

Os berros non pararon aí e no momento en que O Son do Camiño sacou á venda os seus abonos volveron as polémicas. Cuns prezos moi por baixo do mercado, en eventos desta categoría, a saída á venda desbordou as previsións e a venda a través dunha tiqueteira virtual foi un caos no que se colocaron no mercado os 20.000 abonos dispoñibles en dúas horas e a cinco prezos diferentes segundo se ían vendendo. Unhas condicións que non parecían recollidas previamente en ningures (a da saída á venda de todas as existencias nunha soa mañá e a de tres dos diferentes prezos polos que ía pasando) e que deixaron tras de sí un enorme rastro nas redes sociais de xente descontenta e un inicio inmediato de procesos de revenda e especulación en vías alternativas. Se o obxectivo prioritario era encher o recinto e asegurar a imaxe de éxito da cita na súa primeira edición, aínda a costa de vender por baixo de prezos de mercado, estaba conseguido.

A Monte aberto. Día 1
O cartel de actuacións de O Son do Camiño 2018 ofrecía 36 actuacións divididas en dous escenarios e que se ían relevando sen pausas desde as 16:00 horas ata as tres da madrugada. Ata as derradeiras horas da última xornada os horarios previstos foron cumpríndose sen desviacións. O relevo entre escenarios posibilitaba a preparación das diferentes montaxes musicais. No auditorio principal, con capacidade para 25.000 persoas, situábase o Escenario Estrella Galicia mentres que ao carón, na zona da entrada, a ladeira remataba no Escenario Galicia cunha capacidade máis pequena de acollida en condicións. As nosas propias posibilidades de asistencia eran limitadas en canto a tempo e aguante físicos e non puidemos chegar a todas ás actuacións como teriamos desexado. Malia todo obtivemos una boa perspectiva dalgúns momentos salientables que presentaban máis expectación dentro do cartel.

Plano do recinto


O Monte do Gozo abría tras anos sen uso e cunha imaxe renovada en varios detalles, e de novo para un evento musical multitudinario baixo a sombra Xacobea. Entre as bandas elixidas para dar a benvida, tres representantes galegas do mellor punk rock independente do país e de todo o Estado, e que ademais representaban unha parte importante da escasa presenza feminina no cartel. O dúo Bala conseguía sorprender coa súa potencia a que non as coñecese. Anxela Baltar e Violeta Mosquera, chegadas dunha xira californiana, atronaron co seu son sen refinamentos descolocando a algúns foráneos coa súa actuación no Escenario Galicia. Non había pasar moito tempo ata que sobre as mesmas táboas estivesen as Agoraphobia amosando o seu bo facer, menos grunge e máis stoner, presentando os temas do seu recente e aclamado traballo Incoming Noise (2017). As do Barbanza non tiveron moito tempo pero a ninguén lle quedou dúbida da cantidade de bo rock que son capaces de destilar. Ás sete da tarde, cun recinto aínda máis baleiro que cheo, saltaron ao Escenario Estrella Galicia ante algo máis dun milleiro de persoas Triángulo de Amor Bizarro. A banda de rock alternativo máis premiada e recoñecida do país celebraba, por boca de Isabel Cea, a presenza galega e feminina no inicio do festival.

O gran auditorio era tamén o lugar escollido para comezar a escoitar as bandas internacionais. Franz Ferdinand comezaban a atizar o seu lume ás 20:40 nese escenario. A banda de Glasgow brillou coma un facho malia seren aínda de día cando cadrou a súa actuación. Un exemplo perfecto do rock independente que chega a alcanzar dimensións globais a principios do século XXI. Os escoceses botaron mán do parentesco céltico entre Galicia e Escocia, reclamándose como primos dos galegos por esa vía. A comunicación lograda co público foi dende logo eléctrica e non houbo nos tres días ningún vocalista que mencionase tanto o nome do festival e fixese continuas alusións ao lugar como Alex Kapranos. Aínda que ao principio unhas poucas pingas de chuvia facían temer o peor a cousa quedou aí. Se ben o son non comezou ben a súa calidade semella que foi axustandose ata conseguir un resultado máis que aceptable nese momento, sobre todo comparándoo co que ocorrería máis tarde. "How do you feel now?" preguntaba Kapranos. Co son axustado e a chuvia parada puidemos estar completamente enfocadas na actuación de FF que foron ademais interactivos co público a un nivel que non sempre se da en bandas internacionais deste calibre.

Levaban unha hora sobre o escenario dándoo todo cando levaron ao público ao paroxismo cun dos seus temas máis famosos pertencente ao seu disco de debut Franz Ferdinand (Domino Recording, 2004). O Take me Out conseguiu levantar á xente como non o conseguira antes o máis recente Always ascending do seu novo disco do mesmo nome sacado este mesmo ano. Coa final e antiga This fire os británicos deixaron a todo o auditorio saltando e cantando co ánimo por todo o alto. Os primos escoceses o deron todo realmente e deixaron unha das mellores sensacións de todo o festival ata o punto que foron a referencia a tomar por moita xente nos seguintes días nas charlas no recinto.

The Killers eran, a priori, a gran baza do festival. Colocados na xornada inicial por imposicións de axenda xa que ao día seguinte a banda marchaba para participar no Rock in Río Lisboa. Con un “¿Qué pasa jallejos?” Brandon Flowers daba a benvida a toda a concurrencia ao seu “Maravilloso Maravilloso Espectáculo” (Wonderful Wonderful Show) co que están presentando os seu máis recente traballo Wonderful wonderful (2017). Deste álbum era o tema co que abriron o The Man, co que Brandon Flowers xa deixaba claro que alí había que enfocarse nel e nos seus movementos e actitudes no escenario. Non son en absoluto inxenuos estes asasinos e daí pasaron ao seu grande primeiro éxito Somebody told me do seu disco de debut Hot Fuss (2005) que os colocou no punto de mira de toda a escena internacional.

Pero a meteoroloxía quixo entrar no xogo e o Monte do Gozo viuse azoutado por rachas de vento que deslucían o resultado sonoro levando con elas partes da potencia. Aínda que Flowers se esforzase e cantase a gritos seguía a faltar chegada no son. A espectacularidade da montaxe luminosa e escénica non cubría esa carencia de potencia sonora, do mesmo xeito que non cubría tampouco malia o afán de divo de Flowers, algunhas outras carencias que ten a súa proposta musical. Os americanos, gabados no seu primeiro traballo pola crítica levan tempo a ser golpeados despois por cada disco que van sacando, o que dá título a esta xira non é unha excepción. Os seus temas máis pegadizos acadan o obxectivo de mover á xente e facelos corear as súas cancións pero hai sempre unha sensación de que non chegan e que de sacar os neóns, as proxeccións, as tiras de cores e o vestiario do propio Flowers talvez non chegarían. O espectáculo dos de Las Vegas estaba, iso si, pensado milimetricamente para a espectacularidade propia desa mítica cidade do deserto de Nevada e ata para emisión nas pantallas de video a banda tiña o seu propio equipo de realización. As deficiencias de son, marcadas tamén polas rachas de vento quitaban capacidade de impacto á actuación máis alá do foso máis achegado. Nun sitio alto e aberto como o Monte do Gozo entran dentro do normal estás situacións polo que sería de agardar un reforzo en canto á enxeñería sonora para lograr unha sensación ambiental satisfactoria. Técnicos de son de espectáculos consultados ao respecto no recinto apuntaban á posibilidade colocar torres de retardo nun recinto como este para asegurar a chegada correcta a todos os asistentes, malia que iso significaría, claro, sacrificar algo o aforo.


Mover multitudes
Non se pode obviar que, por moito que un organizador teña pensado e repensado como van ocorrera as cousas, e se prepare a conciencia tendo en conta os números de xente a manexar. Cando se trata de multitudes e hai moitos factores e empresas intermedias sempre hai situacións que se escapan de control. Na primeira xornada o sistema de transportes non se axustou á realidade que estaba a ter lugar. O Monte do Gozo non está lonxe da cidade en termos de distancia, pero si queda nun acceso pouco doado cando se trata de multitudes. Os servizos de autobús non daban abasto e nos principais puntos de recollida do centro e San Lázaro as colas facíanse longas e as esperas interminables para a xente que quería sacar partido ás súas entradas e ver canto máis mellor, ademais de gozar do festival e non estar de pé agardando. Nos seguintes dous días, cando menos para subir, houbo máis axilidade e recursos para mover á xente ata o recinto. Baixalos xa era outro cantar e todas as noites, tras da principal actuación o desaloxo e a baixada ata o centro pasaba por varios atrancos entre os que estaba a escaseza de autobuses para o aluvión humano e un estraño comportamento por parte do gremio do taxi da cidade que non semellaba moi presto a cubirir a enorme demanda. Os problemas de transporte acadaron o seu cénit na última xornada. Tras da actuación final de Martin Gárrix, despois das tres e media da mañá, o servizo de autobuses se cancelaba por orde das autoridades policiais a causa dalgunhas acción de vandalismo que, ao parecer, non eran quen de controlar os efectivos policiais. Como resultado milleiros de persoas tiveron que camiñar varios quilómetros desde o Monte do Gozo ata o centro da cidade, nunha peregrinación nocturna que pouco tiña que ver co Camiño de Santiago.

O rei do electro-funk baila de novo
Houbo que agardar a que Malandrómeda se subise ao Escenario Estrella Galicia, ás 16:40 horas da segunda xornada para escoitar por vez primeira música en galego soar no Son do Camiño. Os composteláns teñen unha parroquia fiel que acudiu á cita e non é de descartar que a ampliasen co momento que ofreceron aos centos que se xuntaban ante o escenario do auditorio grande, amparados do sol pola propia sombra do escenario. O resto do auditorio estaba baleiro e del chegaban fortes ecos en canto un se desprazaba apenas uns metros cara atrás. A banda mantiña a súa proposta e actitude sen inmutarse do baleiro do gran espazo no que lles tocou saír a unha hora pouco afortunada, como a case todas as bandas galegas. Aínda así o número de asistentes podía ser o de calquera outro concerto dos composteláns en outros espazos polos que pasan.

A posterior actuación de The Gift ás seis da tarde foi o exemplo perfecto que serve para dubidar sobre o formato do macro festival cargado de nomes. A banda portuguesa deu un concerto tan bo como curto en duración en comparación aos seus excitantes recitais habituais nos que ademais consegue sempre conectar marabillosamente co público e movelos, incluso emocionalmente. Neste caso a sensación ao rematar foi a dunha interrupción, un corte brusco de algo que aínda estaba nun proceso de subida moi prometedor. Con todo, a choiva respectou a actuación dos portugueses pero xusto despois xa fixo acto de presenza en forma de chuvasco como todas as predicións auguraban pero ninguén desexaba.

Nas inmediacións do escenario pequeno e da zona de restauración, as mesmas escasas árbores que antes deran sombra para protexerse da calor eran agora refuxios contra a choiva. O espectáculo seguía, cun respecto rigoroso da táboa de horarios en todo momento, cuxa fiabilidade era absoluta.
Residente, nome artístico do rapeiro portorriqueño René Pérez Joglar, membro de Calle 13, entonaba o seu hip hop latino e contestatario nun auditorio a media capacidade. Mensaxes cargados de reivindicación aderezaban os intermedios entre temas, ademais das propias letras reivindicativas da formación. A actuación conseguía atraer a atención e fascinar pola súa enorme forza e carisma, ademais de que o son do recinto respondía ben aos seus ritmos.

Os irlandeses Two door cinema club trouxeron á xornada unha boa representación do mellor pop indie anglosaxon. A bana amosou a variedade das súas composicións e convenceou ao público que ía enchendo o recinto ás 21 horas. Situando o aforo na súa mitade.

O prato forte do día era a banda británica Jamiroquai, que entraba neste festival traendo a xira de presentación do seu máis recente traballo Automatón (2017) primeiro traballo de estudio en sete anos. Os veteranos músicos abandeirados do acid-jazz e do funk electrónico son unha banda moi boa e de grande calidade que levas desde inciios dos anos 90 destacando. Coñecen as claves do funk como se o tivesen inventado eles. O seu cantante e imaxe indiscutible, o carismático, Jay Kay, saíu ataviado de chándal e cun casco de luces de cores, como unha versión 3.0 daquel tocado indio co que se fixo famoso cando enchía as pistas de bailes cos seus primeiros grandes éxitos no ano 93. Jay saíu dinámico e animado pero xa ten anos e ademais ven de pasar o pasado ano por unha importante lesión das costas así que quen acudise a ver moverse aquel rapaz eléctrico coa súa posta en escena imparable quedaría insatisfeito. Pero Jay Kay e a súa banda fixeron o que saben facer e fixérono ben, non se lles pode facer reproche musical ningún. Capaces dun enorme virtuosismo os Jamiroquai non saíron a facer un “grandes éxitos” da súa enorme traxectoria. Non faltaron temas enormes e aglutinadores, os máis discotequeiros Cosmic Girl ou Virtual Insanity pero tamén defenderon outros temas máis experimentais e menos coñecidos, con esencias de jazz e bossa nova, facendo, sen concesións, desenrolos instrumentais de moitos minutos. Tal vez botouse en falta Cloud 9 o hit de saída de Automaton, pero a sensación final foi en calquera caso moi boa en xeral e coa imaxe clara de ter asistido a un bo concerto de "un dos grandes".

Preparados para a choiva
A xornada do sábado pintaba musicalmente moi prometedora pero meteorolóxicamente preocupante. E as predicións cumpríanse a primeira hora da tarde. Unha tormenta se descargaba coincidindo co incido dos concertos no Monte do Gozo. Non era moi estimulante para iniciar a subida ao recinto e así se notaba tanto nas liñas de autobuses como en todas as inmediacións do festival. Dentro só a xente da acampada e algúns poucos mais se achegaban ás primeiras actuacións. En canto acabaron as primeiras trombas a organización comezou con presteza a acondicionar os pasos de terra, agora empapados, botando palla sobre o chan para evitar que aquilo se convertese nunha lameira. Tomen nota en Gran Bretaña destas solucións para algúns dos seus grandes festivais.

Os galegos Terbutalina, tiveron que aguantar con ese comezo de xornada e comezaron na hora, as catro da tarde, vendo caer a auga ante eles e cun público escaso.

Pouco máis dunha hora despois Eladio y los Seres Queridos saíron co seu repertorio no Escenario Galicia e convenceron ante un público crecente co seu pop. Os de Vigo remataron a súa intervención coa versión de La Leyenda del Tiempo de Camarón que inclúen no seu máis recente traballo Historias de Caza (2017). A banda agradecou á xente que desafiara á tormenta xunta eles.

Ïa despexando a tarde cando The Last Internationale saíron ao Escenario Estrella Galicia ante un par de milleiros de persoas, que equipadas con chuvasqueiros ían atrevéndose a prantarse na intemperie ante os palcos. A cantante da banda neoiorquina, Delila Paz, soubo meterse no peto á concorrencia, baixando a cantar entre o público. Delila mesturouse coa xente mentres facía gala dunha estupenda voz nunha gran versión de A Change is gonna come de Sam Cooke. A banda deixou un inmellorable eco de bo rock da vella escola americana.

Eran as 19:25 cando Novedades Carminha acadaba un dos fitos remarcables desta primeira edición do festival. Os compostelásn eran a banda galega cuxo horario mellor posicionado estivo e aproveitaron largamente a oportunidade que lles daba o escenario do auditorio principal sen complexos. "¡Que chova, hostia, que chova!", comezaba berrando Carlangas, "¡Que a nós nos gusta este tempo!", pero semella que acadaron o contrario e a choiva non volveu molestar ante ese desafío. Xogaban na casa e estaban exultantes mentres o audiotiro ía enchéndeso ata superar a metade do seu aforo, e a todos e cada un dos asistentes puxeron Novedades Carminha a saltar someténdoos a un ritmo sen interrupcións no que foron sacando eses temas seus mil veces escoitados e que mil veces funcionan: Jódete y baila, Cariñito, Lento, Antigua pero moderna, Juventud infinita, etc. Os santiagueses foron, sen dúbida a gran sorpresa dos día para que non os coñecese de antes e remataron un gran concerto.

A actuación de Novedades deixou o ambiente quente e diso beneficiouse posteriormente cada banda. Mando Diao, a enorme banda sueca fixo unha descarga de ritmo brutal que tivo como recompensa a entrega do público aos seu rock and roll de perfecta e apaixoada execuión. A voz de malote de Björn Dixgård rasgaba o aire no audiotiro arrastrando a todos á actitude máis roqueira. Aínda quedaba noite por diante.

Lenny Kravitz, estrela internacional do rock de discoteca desde os anos 90 presentouse no escenario, subido a unha plataforma e cos acordes eléctricos de Fly Away. O niorquino non lle ten medo á interpretar os seus grandes éxitos e, cunha parca posta en escena , baseaba niso, no seu carisma e na calidade dos músicos que o acompañaban, o seu espectáculo. Cheo de actitude foi sacando ese grandes temas que leva facendo estes máis de trinta anos e ademais buscando unha conexión sempre co público. Cun novo traballo por saír en setembro, Kravitz apenas presentou dous dos temas que formarán parte do novo disco e foi compracente co auditorio (entre o que estaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo) que levou del xustamente o que agardaba: asistir a o concerto do mito cos seus temas míticos. O americano superou o seu tempo en vinte minutos o que descolocou a tábo de horarios posterior.

Pero si Kravitz, do mesmo xeito que na xornada anterior Jamiroquai, saciaban as necesidades case nostálxicas dun segmento do público que vai dos 30 e pico anos para arriba, chegaría despois outro dos cabezas de cartel indiscutibles. O Dj e produtor holandés Martin Garrix, que con 22 anos e únha das figuras máis relevantes da música electrónica dance. O segmento máis xuvenil viña por el e foi o seu nome no cartel no que fixo elixir esta opción a milleiros deles. A posta en escena de Martin Garrix non podía ser máis espectacular ata o punto de deixar pequena a que fixeran The Killers no seu estilo de Las Vegas. O holandés ten un público fiel que coñece e adora as súas mesturas e ata as catro da mañá non deixou reposar a ningún dos milleiros que aínda abarrotaban o auditorio principal fascinados e dixándose levar por cada xesto do “pastor de multitudes” que foi Garrix. Mestre de cerimonias dunha danza sen fin a potencia de Garrix fixo vibrar o chan como ninguén o conseguira antes. A parroquia do Son rematou esta primeira edición cun agotamento parello ao subidón.

Unha imaxe para o mundo
Os obxectivos que tiña a inxección de cartos de Turismo nesta primeira cita con O Son do Camiño, non se pode dicir que non se tivesen conseguido. O alcance en medios convencionais e dixitais de todo o Estado é doadamente demostrable con simple rastreo paro ademais diso hai que lembrar que vivimos na era das redes sociais e da viralidade. Só un dos artistas de cabeza de cartel, o produtor e dj Martin Garrix, ten máis de 15 millóns de seguidores tanto na súa canle de Instagram coma na súa páxina de Facebook. Máis de 5 millóns de persoas seguen o Facebook de Lenny Kravitz, un dos que máis fotos e referencias ao festival e o seu entorno fixeron públicas e tamén se contan en varios millóns os que se poden acumular entre Jamiroquai e The Killers, ademais de outras bandas de alcance internacional como Franz Ferdinad, The Gift ou Mando Diao. Se a ese enorme alcance en mencións, e fotografías sumamos os contidos xerados nas redes polos propios asistentes e forma de fotografías e vídeos espallados polas redes o alcance multiplícase exponencialmente alcanzando sen problemas as dimensións globais desexadas nos obxectivos promocionais.

Cousa distinta, alén de crear coñecemento do lugar e proxectar a marca do Camiño é acadar unha boa reputación e un lugar entre os mellores festivais da actualidade, que son moitos. Compre á organización facer un repaso e dos problemas xurdidos no recinto e os accesos e darlle resposta para o ano que ven para que non se repitan. Tamén haberá que configurar de novo un cartel que manteña a liña e o nivel ou mesmo melloralo sen estar supeditados para a contratación de grandes nomes ao que traián eventos achegados como o Rock in Río de Lisboa. É un mantra que se escoita constantemente nos círculos da organización de festivais que un destes eventos ten que ser “unha experiencia” a vivir e non pode ser tan só unha sucesión concertos rodeados de barras de cervexa e camionetas de comida rápida. É nese sentido, de achegar algo máis que dea valor de experiencia á cita no Monte do Gozo, no que agardamos que avance este festival para que do Son do Camiño 2019 poidamos contar moitas máis cousas e que sexan apaixonantes e moi positivas para todos e para a propia imaxe de Santiago e de Galicia que é a que está na punta de lanza deste festival para o bo e para o malo.