A Xunta instala no Gaiás un centro de investigación sociosanitaria xestionado por Indra

Comezará a funcionar no verán

A Xunta de Galicia redefine os usos dun dos espazos da Cidade da Cultura, a Sala Einsenman. Alí, a empresa Indra -frecuente adxudicataria de contratas de desenvolvemento tecnolóxico do SERGAS- instalará o bautizado como Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario. O centro contará con entre 35 e 50 persoas e, segundo a Xunta, "permitirá impulsar a transformación dixital en eidos como o envellecemento activo, a tarxeta social, o fogar dixital ou a alimentación saudable". Ademáis, o goberno autonómico sinalou que permitirá crear "unha comunidade estable entre empresa, Universidade, institucións sanitarias e centros I+D+i. Ademais, concibirá produtos e solucións que se poidan exportar e terá un centro demostrador de produtos". O goberno non concretou as condicións do convenio entre a administración autonómica e Indra.