As sendas do Gaiás acollen as intervenciónS artísticas de 'Reb/veladas na paisaxe'

Beatriz Lobo, Paul E. Guy e Maria Kulikovska inauguran o ciclo

A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar Reb/veladas na paisaxe, un novo ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás co que se procura non só a posta en valor das súas zonas naturais —Bosque de Galicia e Parque do Lago– senón tamén darlle visibilidade á presenza da muller na arte contemporánea, incorporando unha perspectiva de xénero que reflicta a diversidade no ámbito creativo. Para afianzar esta cerna convidouse, nesta primeira edición, a tres comisarias galegas —Chus Martínez Domínguez, Anxela Caramés e Antía Cea García— a que escolleran os artistas cos que lle apetecía inaugurar este novo ciclo e elixiron Beatriz Lobo (Vigo, 1985), Paul E. Guy (Chicago, 1967) e Maria Kulikovska (Crimea, 1988), respectivamente. As tres intervencións teñen en común o convite a unha andaina artística que impulsa a descuberta e a experimentación dos camiñantes, a través da propia interacción coas instalacións que se localizarán no Parque do Lago, no caso do proxecto de Beatriz Lobo; e no Bosque de Galicia, o de Paul E. Guy e Maria Kulikovska.