María Victoria Moreno: O valor no cotián

A celebración do Día das Letras pon en valor nos aspectos máis persoais dunha autora moi vencellada a Pontevedra

A celebración do Día das Letras pon en valor nos aspectos máis persoais dunha autora moi vencellada a Pontevedra
Ilustración de Laura Cortés para Primavera das Letras
A voz das amizades. Os seus lugares favoritos. O traballo cotián. Sen grandes recoñecementos nin estudos académicos previos a este ano, as homenaxes a María Victoria Moreno neste Día das Letras Galegas están a pór o foco nunha grande medida nos aspectos máis persoais da súa figura. Así, as propostas para este 17 de maio revelan unha autora comprometida coa lingua e coa cultura do país en todas as facetas da súa vida e moi para alén do seu labor literario.

O carácter periférico da literatura infantil e xuvenil e o escaso interese que ata o momento espertou a autora en medios académicos está a determinar nunha grande medida o xeito no que celebramos a María Victoria Moreno neste Día das Letras. A falta de entidades que custodien a súa memoria, o peso dos amigos á hora de configurar a súa imaxe pública ou o seu carácter de traballadora pola lingua e a cultura do país desde diferentes ámbitos marcan a conmemoración. Ademais, este 17 de maio chega coa cidade de Pontevedra a se reivindicar como territorio cultural a través dos ollos da homenaxeada. A seguir a liña dos últimos anos a Real Academia Galega escolleu conmemorar en María Victoria Moreno unha autora falecida recentemente. Esta aposta facilita unha vez máis o desenvolvemento de homenaxes cun grande peso afectivo e de novo pon a disposición do público unha chea material hemerográfico, obras e outros contidos que se suman ás lembranzas de testemuñas aínda vivas para se achegar a súa figura.

As Letras de Pontevedra
En oposición a Casares e mesmo a Manuel María, os anteriores homenaxeados, este ano a celebración das Letras ten un foco xeográfico claro e inequívoco. A cidade de Pontevedra centra as actividades e está a desenvolver de xeito activo diferentes propostas para reivindicar a que foi a súa veciña. Será o Teatro Principal da cidade o que acolla o pleno extraordinario da Real Academia Galega do 15 de maio. A sesión contará con intervencións dalgúns dos membros da institución máis próximos a Moreno. Xesús Alonso Montero, influencia destacada na aposta da autora pola defensa do galego, canda a Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, compañeiras na aposta temperá pola literatura infantil e xuvenil, tomarán a palabra neste evento.

Afectos e territorios
Coincide esta celebración coa de Casares no pasado ano en reivindicar a persoa, os seus gustos e afeccións. Pero se no caso deste autor foron en grande medida os seus dispares hobbies (motos, fotografía, cabalos, coleccionismo) os que propiciaron orixinais conmemoracións, no caso de Moreno grande parte da festa está centrada en feitos cotiáns. A afección polos cans, as relacións persoais e, en particular, os lugares polos que paseaba e aqueles que adoitaba frecuentar, son focos destacados nas lembranzas que están a se desenvolver sobre a autora. Na liña que xa abrira a plataforma A Sega cando lle dedicou o Día das Galegas nas Letras, o Concello de Pontevedra apostou por crear un roteiro temático que conta cunha publicación, a cargo de Fina Casalderrey e Ana Acuña. Na mesma, repásase a xeografía da cidade a través da autora e sinálanse as conexións entre o contorno e a obra literaria da Moreno.

María Victoria Moreno - roteiro

A incidir nestas ligazóns, e tamén da man do Concello, Montse Fajardo propón un repaso dos espazos da escritora a través de diferentes testemuñas en O escalón de Ulises. Un paseo pola Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros. Con propostas como estas, Pontevedra reivindícase como un espazo de cultura cun rico ecosistema creativo a través da figura da escritora e das súas conexións biográficas con diferentes persoeiros e entidades da cidade.

Sen institucionalizar
Por vez primeira desde 2014, ano en que se lle dedicou a data a Díaz Castro, a figura homenaxeada non conta cunha fundación ou asociación que vele polo seu legado. Esta situación, cada vez máis atípica na cronoloxía das Letras, amosa o carácter periférico en que se situou a autora e o seu labor no sistema literario do país. Mesmo no caso de Díaz Castro a Asociación Xermolos desempeñou un papel fundamental na promoción da candidatura e mais nos eventos de celebración, mentres en 2013 era tamén unha entidade deste tipo quen levou o testemuño da sociedade civil na lembranza da figura de Vidal Bolaño. No caso de Moreno foron a homenaxe da Sega en 2015 e o libro dedicado á autora na colección Mulleres bravas da nosa historia de Urco Editora en 2016 as reivindicacións máis recentes ata este Día das Letras. O recoñecemento aínda pendente verifícase tamén no feito de que foi agora que a cidade de Pontevedra lle dedicou unha rúa e situou unha placa a lembrar o lugar no que viviu a escritora. Tamén neste ano naceu o primeiro premio literario que leva o seu nome, de novo da man de Urco e do Concello, que están a se erixir coas súas iniciativas como altofalantes destacados da celebración alén da RAG e da Xunta.

A voz da amizade
En relación con isto, destaca a importancia que teñen neste Día das Letras voz das amizades da autora. A ausencia de entidades recoñecidas como voceiras da súa memoria facilita que sexan compañeiras e compañeiros de traballo, amigas e amigos e persoas do seu contorno os que estean a actuar de voceiros do personaxe, mesmo por riba da familia e de investigadores da súa figura. Isto contribúe tamén á configuración dunha imaxe pública de María Victoria Moreno achegada ao público na que se destaca, mesmo por riba da súa obra, a súa figura como alguén capaz de facer as actividades e dos espazos máis cotiáns ocasións para a aprendizaxe e o relacionamento. Para alén da súa dedicación á escrita, o traballo de Moreno en diferentes campos reivindícase como un labor continuo e pouco recoñecido. Co mesmo, enxálzase o labor de colectivos profesionais como son os e as profesionais da edición, da docencia, das librarías ou da tradución, profesións todas elas desenvolvidas pola autora, que partillan compromisos case anónimos coa lingua e coa cultura. Nese sentido, a reivindicación da orixinalidade da autora céntrase na súa obra literaria pioneira, que se presenta como unha extensión do seu esforzo a prol do país.

A profesora do Torrente
Para alén do Concello, e como non podía ser doutro xeito, o Instituto de Ensino Secundario Torrente Ballester pon en valor a memoria viva da que foi profesora nas súas aulas case ata o derradeiro alento. O centro está xa desenvolver un ano de actividades arredor da autora, entre elas a exposición Sombra e luz que se integra nas propostas de Renfe para a data. Un mural sobre Moreno na biblioteca valeulle ao centro facerse co concurso-exposición Letras Galegas 2018, convocado por la Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais disto, unha produción documental centrada no seu traballo no instituto e a relación que mantiña cos alumnos son algunhas das actividades coas que docentes e estudantado lembran a profesora que escribía.


Biografías e inéditos
Como non podía ser doutro xeito, boa parte da produción cultural que está a xurdir arredor da homenaxe ten como obxectivo o público máis cativo. A nivel editorial, biografías adaptadas como Doce cartas a María Victoria Moreno, de Ánxela Gracián, A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, Unha historia de amor de Lela Edicións, ou o volume dedicado a autora co que Urco abriu a colección "Mulleres bravas da nosa historia" mestúranse con reedicións de obras e lanzamento de traballos inéditos ou espallados. Ademais do facsímile de Mar Adiante. Historias de nenos pra nenos que lanzou o Consello da Cultura Galega destaca de novo o labor de Urco, que logo de compilar varios textos da autora en O amor e as palabras recuperou novo material en Nosoutras. Da man de Galaxia e do Consorcio de Santiago viu a luz É a Lúa que baila… María Victoria Moreno e a lírica dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, unha análise sobre o traballo na nosa lingua do poeta granadino a cargo da homenaxeada. Da man de Sermos Galiza chega o monográfico Renacer á descuberta das palabras, un volume coordinado por Mercedes Queixas e Cesáreo Sánchez que recolle artigos de Montse Pena, Fina Casalderrei, Marta Dacosta, Susana Sánchez Aríns, Antonio García Teijeiro, Eli Ríos e Carme Vidal a explorar diferentes aspectos da autora. Tamén o IES Torrente Ballester correu coa edición dun conto inédito con ilustracións do propio alumnado. A estes súmanse as biografías A voz insurrecta de Montse Pena Presas en Galaxia e Sementadora de futuro de Isabel Soto e Xabier senín en Xerais. Mesmo un álbum dos Bolechas (terceiro dos dedicados aos días das letras) fan parte destes proxectos. As propostas de investigación arredor da autora continuarán coa anunciada publicación dun número monográficos dos Cadernos Ramón Piñeiro e co grande simposio que a RAG acollerá os vindeiros 27 e 28 de novembro, entre outros encontros aínda sen data.

Músicas
Nesta ocasión semella que a escaseza da produción poética fai que o prolífico sector da música infantil non estea a aproveitar o tirón da autora de xeito equivalente a outras ocasións recentes. Mesmo así, o tradicional Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega integra a estrea de Dous folios que foron brancos, peza do compositor Miguel Matamoro a partir de versos seus. Mentres, outras achegas musicais chegan do folk. Así, Óscar Ibáñez e Tribo celebran a autora co espectáculo Ao latexo das letras, onde se mestura a música con recitados de textos da homenaxeada a cargo de Tamara Andrés. A montaxe xira co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais desde o 5 ata o 18 de maio na Illa de Arousa, en Melide, na Estrada, en Lisboa e en Ponte de Lima, con colaboracións de gaiteiros e bailadores convidados. Tamén Fuxan os Ventos apostaron, ao igual que nos últimos anos, por musicar un texto da homenaxeada, en concreto Lúa de Prata, que lanzaron como single con ocasión da efeméride.


Artes escénicas
Fronte a isto, son as artes escénicas as que están a apostar de xeito máis decidido por realizar montaxes sobre a obra e a figura das Letras. Ademais, por vez primeira, un único programa reúne a practica totalidade destas producións, cando menos as que se están activas xa nesta primeira metade de ano. Da man da Deputación de Pontevedra o ciclo María Victoria Moreno a escena! programa por toda a provincia sesenta representacións de seis achegas escénicas diferentes arredor da autora. Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos de Matrioshka Teatro (que fai parte tamén do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística), e a adaptación de Mar Adiante que Odaiko leva ao musical súmanse ás versións de Anagnórise de Limiar Teatro, e de Leonardo e os fontaneiros pola parte de Ubú Teatro (as dúas en colaboración con Galaxia) como parte desta iniciativa. Pola súa banda, Títeres Seisdedos adapta o conto Can branco, can negro, escrito en forma de romance e lévao ao terreo das coplas de cegos co título Romance de cans, mentres Polo Correo do Vento parte do libro sobre a autora que publicou Lela Edicións e organiza o contacontos e obradoiro de ilustración Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno. A estas montaxes súmanse aínda outras propostas escénicas fóra do ciclo como unha segunda anunciada por Limiar Teatro que abordará a vida e a obra da autora ou a adaptación libre que fai en O cataventos 2.0 Pedro Brandariz.

Narración oral
Proliferan de xeito particular as propostas de contacontos arredor destas Letras. Nas mesmas textos da autora adáptanse en combinación con outros xéneros ou en solitario. O peso da narración oral tradicional nos primeiros títulos de Moreno explican en boa medida o éxito da súa produción para este formato. É o caso de Charo Pita que parte tamén de O cataventos para a súa proposta. Da man de Os Piñeiriños, as sedes de Afundación acollerán un espectáculo de poemas musicados, teatro, contos e bailes para os máis cativos sobre textos da autora. Larraitz Urruzola achega pola súa banda Babacontos nos que reúne textos de Mar adiante e contos/poemas de Eu conto, ti contas ademais de distintos aspectos da vida de Moreno. Xarope Tulú aposta en María e os ollos alabarados por recuperar relatos e fragmentos de Mar adiante e Pan con chocolate ou Querida aboa e mestura a narración oral con títeres. Tamén Cucarandainas, Lisístrata, Susana Villar ou Sarabela achegarán as súas propias interpretacións orais da vida e obra da autora en diferentes sesións. Mesmo o acto principal da Cidade da Cultura para o Día das Letras é tamén unha aposta pola oralidade cunha lectura colectiva de textos da homenaxeada cunha transmisión en vivo polas redes sociais e un vídeo compilatorio posterior.

Audiovisuais
A nivel audiovisual, xa se presentou en Pontevedra un documental dedicado á homenaxeada. María Victoria Moreno, galega por amor, producido polo Concello, fai un percorrido pola vida e obra de Moreno da man de persoas que a coñeceron en persoa como os xa comentados Fina Casalderrey, Xavier Senín, Xesús Alonso Montero ou os editores Manuel Bragado e Francisco Castro.



A este súmase o programa especial que prevé emitir a TVG sobre a vida e obra da autora, así como dúas curtas promocionais que se promoven desde a cadea pública e a Xunta e que se basean en A festa no faiado e en Anagnórise.


A isto súmanse diferentes programacións especiais coas que a Radio e a Televisión públicas celebran a data. Como novidade deste ano, unha iniciativa que promete se converter nun clásico do Día das Letras na canle televisiva pública. Da man dos Bolechas nace unha serie que, con estes personaxes en formato títeres, abordará as autoras e autores homenaxeados na data e comeza precisamente cun episodio dedicado a Moreno. Outra das propostas máis orixinais é a da Deputación da Coruña, que acolle no seu web un vídeo interactivo que propón achegarse á autora a través dun xogo de preguntas e respostas.
Vídeo interactivo sobre María Victoria Moreno

O peso da LIX
No canto de se centrar, como noutras ocasións, na vida e na obra da autora, a grande exposición que promove a Consellaría de Cultura arredor de Moreno dálle o protagonismo á ilustración, a salientar ao vencello desta arte coa literatura infantil e xuvenil. Así, María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes repasa en só tres paneis a carreira da homenaxeada. Canda a eles poden verse dúas vitrinas con obxectos persoais e oito paneis máis nos que outros tantos profesionais da ilustración interpretan cadansúa obra da autora. A mostra poderá verse en once localidades do país ata o mes de decembro.
Paneis de María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes

Desde as escolas
Ademais do IES Torrente Ballester, e como está a ser habitual, múltiplos centros de ensino desenvolven diferentes proxectos creativos e didácticos arredor da figura homenaxeada. Neste ano mantéñense formatos audiovisuais xa habituais como o Telexornal María Victoria Moreno do centro Os Dices de Rois ou as revisións biográficas ilustradas. Canda a estes, propostas como entrevistas escenificadas á autora, concursos de preguntas e respostas e mesmo videoclips como o que o CEIP O Carballal realizou a partir do poema Xa non teño medo ou o rap que armou o CEIP Antonio Fernández López a repasar a vida da autora amosan a aposta pola innovación que continúan a desenvolver moitos destes espazos.
Telexornal María Victoria Moreno. CPI Os Dices.
Xa non teño medo. CEIP O Carballal.
María Victoria Moreno Márquez. Profe. CEIP Antonio Fernández López.
Entrevista a María Victoria Moreno. CEIP Plurilingüe Anxo da Garda.
Concurso sobre a figura de Mª Victoria Moreno realizado por alumnado do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda.
Vida e obra de María Victoria Moreno - 5º Colexio San Pío X (Ourense).

Candas ás propostas máis específicas deste ano, mantéñense campañas habituais co apoio da Xunta de Galicia como as de Vegalsa-Eroski, Renfe ou Feiraco para dar a coñecer autora, canda á dos supermercados Gadis ou o reparto de publicacións da man de diferentes xornais. Dun xeito ou doutro, semella que a celebración do Día das Letras pode dar un pulo importante ao recoñecemento de María Victoria Moreno, e por extensión da literatura infantil e xuvenil, dun xeito normalizado no marco do noso sistema cultural. Se o impulso será abondo nese sentido, é algo que fica por ver.