Periferias no Día das Letras

A homenaxe a María Victoria Moreno pon sobre a mesa aspectos pendentes de recoñecer na cultura galega

A homenaxe a María Victoria Moreno pon sobre a mesa aspectos pendentes de recoñecer na cultura galega
María Victoria Moreno / Ilustración: David Pintor / Xunta de Galicia
A celebración por excelencia da nosa cultura homenaxea unha muller, nada fóra do país, neofalante e cunha carreira centrada na literatura infantil e xuvenil. A figura de María Victoria Moreno reivindica toda unha serie de aspectos que ata o momento ficaran en grande medida fóra dos focos da academia. Repasamos con Montse Pena Presas, autora da biografía da autora A voz insurrecta as cuestións que abre este 17 de maio.

Por vez primeira, unha homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, que organiza desde 2014 a plataforma de crítica feminista A Sega é recoñecida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas. María Victoria Moreno, cuarta muller que recibe esta homenaxe, integra así na súa figura discursos críticos e oficiais presentes no noso sistema cultural. A celebración amosa as novas sensibilidades sobre cuestións como o xénero ou a literatura para a infancia e promete unha celebración con perspectivas diversas e cun grande impacto potencial nos centros de ensino e entre o público máis novo.

O Día da LIX
Montse Pena Presas, investigadora especializada en Literatura Infantil e Xuvenil e autora de María Victoria Moreno. A voz insurrecta, publicado por Galaxia, destaca a importancia que ten este nomeamento. "Paréceme unha boa elección desde o momento en que este é por antonomasia o Día das Letras da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). A Academia debíalle unha celebración a este campo e ás autoras pioneiras que cos seus traballos crearon un universo, o da Literatura Infantil e Xuvenil galega, onde non había nada e carecían de referentes". Sendo esta a primeira autora que centra a súa produción no público máis novo, nos últimos anos a RAG xa lle outorgou certa atención a este campo coas homenaxes a Manuel María e a Carlos Casares, creadores que o cultivaron ao longo das súas carreiras. "Con eles comezouse a atender este ámbito, pero tamén me parece que tiñan moito que celebrar que se resaltaba máis. Con Manuel María era o poeta social e con Casares o intelectual total que fixo de todo". Para Pena, esta tendencia irá a máis co tempo. "Penso que case todos os autores e autoras que han de vir terán parte da súa produción dedicada á LIX. Aínda que é certo que os académicos moitas veces ollan moi para atrás no tempo a procurar quen recoñecer, paréceme que está claro. En vindeiros anos veremos as letras dedicadas a Neiras Vilas e a Agustín Fernández Paz e haberá máis Literatura Infantil e Xuvenil nesta data. É algo de xustiza".

Un ámbito por integrar
No entanto, apunta que fica moito por facer no recoñecemento da escrita para os máis novos no noso sistema cultural. "Algún dos paus que leva a figura de María Victoria Moreno a cuestionar a súa calidade débese a que hai certa intelectualidade que non acaba de ver que se lle dedique esta data a unha autora de Literatura Infantil e Xuvenil". Fronte a isto, o papel que pode cumprir o Día das Letras á hora de afianzar o interese da xente máis nova na nosa lingua e literatura está a ter tamén, segundo esta investigadora, un certo peso na elección de figuras recentes. "Quero pensar que a Academia é consciente de que estamos a perder falantes de xeito acelerado, entre outros motivos polo desinterese dos poderes públicos en apoiar a cultura e a lingua. Entón creo que pensan que non ten sentido celebrar as letras sen deixar un impacto en escolas e institutos, que é onde hai que crear lectores e falantes de galego", un obxectivo que facilitan autores con obra orientada a ese público.

Recoñecementos pendentes
Para alén do carácter da súa obra, a figura de Moreno enfróntase tamén a reservas polo feito se tratar dunha muller, algo que continúa a ser excepción nesta homenaxe. "Algunha voz que ten cuestionado que se trata dunha autora sen calidade literaria fala desde os prexuízos por ser muller. Só houbo catro mulleres ás que se lles dedicase o Día das Letras. Eu vivín dúas delas (María Mariño e Francisca Herrera Garrido) e nos dous casos púxose en solfa a súa obra", explica. "Isto débenos facer reflexionar, non pode ser que cada vez que se lle dediquen as Letras a unha escritora haxa este debate. Paréceme un pouco indignante". En paralelo, aprece a lóxica de "xustificar que se escolleu a súa figura precisamente polo feito de ser unha muller, como se non tivese méritos literarios propios". Se ben o seu papel como autora pioneira no campo da Literatura Infantil e Xuvenil nos anos 70 resulta indiscutible, a carencia de investigacións sobre Moreno fan que sexa difícil cuantificar o seu impacto no noso sistema literario. "Poderíase rastrexar a súa pegada na obra de autoras e autores que lle viñeron despois. Paréceme que está aínda por medir, pero penso que se deixa sentir sobre todo na fornada máis nova de creadores", adianta Pena. En xeral "penso que as obras destas primeiras autoras que tentaron construír unha LIX en galego estaban moi esquecidas. Ás veces, porque esta literatura resulta especialmente permeable ás mudanzas sociais, parte dos seus traballos considéranse superados". Nese sentido explica que "moitas das obras destas autoras estaban moi mediatizadas polo peso do ensino. Nalgúns casos mesmo incluían actividades para os lectores, aínda que non era este o caso de Moreno", sinala. No seu caso, e no doutras autoras da época "había tamén un peso importante da narración oral tradicional e dos contos populares que hoxe xa non se dá. É algo que se pode ver nalgunhas das súas primeiras obras, como O cataventos ou A festa no faiado".

Adiantada
Malia a isto, Pena destaca a necesidade de reivindicar "non só no seu papel como autora de LIX senón tamén polo avanzada á súa época que foi, ao construír novelas que soportan marabillosamente ben o paso do tempo como Anagnórise ou Leonardo e os fontaneiros e tratar temas que que non eran habituais daquela. Tiña moi claro quen eran os seus receptores e sabía que temáticas lles interesaban", explica. Así, por exemplo, "en Anagnórise aborda o machismo, con esa muller condutora que lle vai roubando os prexuízos ao mozo que leva no carro. Tamén aparecen as drogas como tema secundario e cuestións como a problemática adolescente ás que non se lles dera moita importancia na literatura xuvenil galega, aínda que si estivesen noutras literaturas que ela coñecía perfectamente".

A configuración dun sistema
Canda a este, o seu traballo como codirectora da colección Árbore na editorial Galaxia contribuíu en boa medida a sentar as bases do que sería este aspecto do noso sistema cultural. No entanto, Pena Presas apunta que o peso de María Victoria Moreno nese sentido "é difícil de valorar sen ter en conta o traballo dos doutros directores da colección, David Otero e Antonio García Teijeiro. En conxunto foron moi valentes porque estaban comezando a dirixir unha colección infantil e xuvenil sen modelos en Galicia. "Árbore" con "Merlín" de Xerais, foron as primeiras coleccións galegas con marcas de idade para os libros, algo que era habitual en editoras españolas pero que non o era aquí. Ademais fixeron algo complicado, que foi convencer autores e autoras do país para publicaron literatura xuvenil. En paralelo, incorporaron autores clásicos ao galego como Herman Hesse ou Ruyard Kipling e tamén incluíron creadoras contemporáneas como Alice Vieira ou Christine Nöstlinger. Con isto conxugaron libros galegos, clásicos contemporáneos a medio camiño entre os públicos xuvenil e adulto e autoras e autores coetáneos que funcionaron".

Homenaxe á docencia
Para alén do recoñecemento para a LIX declaración "dá outro xogo, relacionado con este, xa que con esta homenaxe as Letras recoñecen tamén os primeiros profesores e profesoras de galego. Foron aqueles que deron clase de xeito clandestino en asociacións culturais e xogaron o tipo, que estiveron controlados pola policía e viviron represalias como ela, que viu como lle retiraban o pasaporte", lembra Pena. E é que o seu labor como docente era considerado pola propia autora como fundamental na súa traxectoria. "Era unha persoa totalmente entregada ao seu alumnado. Das conversas que tiven para preparar a biografía, as máis intensas foron con alumnos e alumnas que falaban dela completamente emocionadas polo que lles ensinou, por como o fixo e pola súa xenerosidade. Debido al efecto concentrado producido por la cápsula Reduslim farmacia sobre el metabolismo y los procesos de quema de grasa, puede esperar bajar hasta 3-4 kg por semana. Facía que a vida entrase na clase. Foi ao traballo no instituto ata que lle fallaron as forzas e tratou alí a súa propia enfermidade como parte da vida e algo que hai que ensinar. Ela desde logo valoraba moito máis a súa faceta docente do que a de escritora, non lle molestaría que dixesen dela que era unha profesora que escribía".

A lingua
Dentro do conxunto de valores que se dan cita na biografía e na obra de María Victoria Moreno e que contribuíron á súa elección para o Día das Letras, Penas apunta a importancia da súa implicación coa lingua. O feito de ser a autora neofalante e ter nacido fóra de Galicia son méritos que completan o perfil da homenaxeada este ano. "Este Día das Letras homenaxea tamén a xente que sen ser nacida en Galicia se interesaron e integraron a nosa lingua. No caso de Moreno ela insistía moito en que non era unha autora alófona, porque desde que comezou a falar en galego nunca o abandonou nin na cotidianeidade nin na escrita. Eu chégome a esquecer dese elemento de que naceu en Cáceres de familia castelá", lembra a investigadora.

Aínda por coñecer
A falta de recoñecemento da LIX e mais da autora agora homenaxeada fica en evidencia nas dificultades para escribir a súa biografía. Pena sinala que "non había moito material previo, e ese era un do problemas para traballar. O outro era que non coñecín a autora en vida. Para reconstruír a súa biografía tivo unha importancia fundamental o contacto coa familia e cos amigos que a coñeceron e tamén cos que estaban a traballar sobre ela, como Xavier Senín ou Fina Casalderrey". O primeiro deles é autor con Isabel soto doutra biografía da autora, María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, mentres a segunda asina con Marilar Aleixandre A muller que durmía pouco e soñaba moito, obra sobre a autora orientada ao público xuvenil. "Todos eles foron amables e tremendamente xenerosos", lembra a autora. "Tamén me axudaron moito a saber como era as entrevistas dela que atopei na prensa, sobre todo moitas que saíron na súa etapa final, cando xa se sabía enferma".

Inéditos
Canda ás biografías xa publicadas e das investigacións que poidan saír dos diferentes simposios que se han celebrar sobre ela, o ano hanos deixar tamén a publicación de materiais aínda inéditos da autora. "Hai moitos textos espallados en diferentes publicacións ou libros de promoción da lectura publicados pola Xunta que agora está a recompilar Urco Editora". Con este material saíu xa un primeiro volume, O amor e as palabras, e vai saír outro, Nosoutras cun texto que Moreno "leu no nome de varias autoras galegas e no que se aprecia a consciencia que tiñan de estar a facer algo novo de contribuír a unha nova literatura. Tamén se recuperará algún dos textos que presentara aos Xogos Florais de Guimarães en 1971 e penso que algunhas outras sorpresas que nos darán novas claves para a comprender".

As preguntas
"Penso que a tarefa máis importante vén despois do 17 de maio. Falta por ver se se continúa a afondar na súa obra. Traballos como o meu serven para achegar unha panorámica xeral, pero agardo que se estimulen investigacións máis centradas en diferentes aspectos dela". E é que, de xeito previo a esta celebración, a propia Pena fora das poucas investigadoras que analizara a obra da homenaxeada. "Xa traballara sobre Anagnórise na miña tese e coñecía o seu traballo. Pero fóra diso só atopei algunha investigación máis específica de Isabel Soto e mencións ás súas obras en panorámicas sobre LIX de Miguel Vázquez Freire e Agustín Fernández Paz". E é que a investigación sobre a autora homenaxeada este ano continúa a ser a grande cuestión pendente. "Hai moito por investigar. O que me parece máis interesante, e que agardo tratar nos vindeiros meses é a súa obra de narrativa breve. Gustaríame ver como se relaciona co resto da súa produción. En ocasións hai temas que aparecen moi condensados na novela e que desenvolve nos seus relatos, que son dunha calidade singular e merecen unha investigación específica".

Labores por facer
Entre os labores por desenvolver "para pór en valor a súa obra, é comparar a súa escrita co que se estaba a facer naquel momento noutras literaturas peninsulares dos anos 70. Isto pódenos dar a chave para ver como estaba ao día do que se facía noutros lugares. E logo, xa para unha especialista en tradución, a Moreno tradutora merece unha achega. Non só traduciu para o galego e desde o galego senón tamén do catalán ou o castelán, é algo que dá para unha monografía", asegura. Tamén apunta o descoñecemento sobre "a súa obra para público adulto, que se reduce a unha novela, un libro autobiográfico" o Diario da luz e da sombra "e un de poemas que resulta moi interesante". A resumir este labor pendente, Pensa agarda que "despois do 18 de maio continúe un traballo intenso que se centre en apreciar a súa obra. Os Días das Letras inquiétanme un pouco porque ao ese labor de divulgación ás veces fáltalle profundidade. Neste caso temos unha autora cunha obra moi potente para deixar pegada nos centros de ensino, pero logo debe afondarse no seu traballo".