O Centro Dramático Galego (CDG) festexará o Día Mundial do Teatro cunha xornada de portas abertas na súa sede en Santiago. A iniciativa da compañía pública para mañá, 27 de marzo, amosaralle ao público o edificio do Salón Teatro e a súa historia, ao tempo que lles permitirá coñecer máis a fondo o día a día nos escenarios. Están previstas cinco visitas ao longo do día: tres pola mañá (10,00 h., 11,30 h. e 13,00 h.) e dúas pola tarde (16,30 h., e 18,00 h.). Son gratuítas e están dirixidas a todos os públicos, só cómpre confirmar previamente a asistencia nos teléfonos 881 867 229 / 228 ou no enderezo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal. Unha cita do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, "Que tempos serán os que vivimos, que hai que defender o obvio", serve este ano de lema condutor das visitas. No exterior do número 34 da rúa Nova os asistentes terán oportunidade de comprender a evolución do edificio, dende a súa primeira reconstrución no 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas. Ao longo da actividade, percorreranse estancias coma os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, e accederase a espazos máis técnicos do teatro. Ademais, os participantes das quendas nos horarios de tarde terán posibilidade de presenciar un momento dos ensaios da nova produción da compañía pública, Divinas Palabras Revolution, que se estreará o 12 de abril nese mesmo escenario baixo a dirección de Xesús Ron. De feito, as visitas concluirán na sala da biblioteca, onde se realizará un sorteo de cinco entradas dobres, unha entre cada quenda de participantes, para poder asistir a algunha das funcións do espectáculo en Compostela, onde está programado ata o 29 de abril. O CDG ten previsto repetir a xornada de portas abertas o 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.