
En canto a artistas galegos presentes noutras galerías, o recente Premio Nacional de Artes Plásticas sitúa a Ángela de la Cruz como a creadora do país con máis presenza. A súa obra estará presente nos postos de destacadas firmas como son CarrerasMugica, Helga de Alvear, Krinzinger e Thomas Schulte. Pola súa banda, Lois Patiño en RocioSantaCruz, Jorge Perianes en Max Estrella, Kiko Pérez en Heinrich Ehrhardt, Álvaro Negro en F2 Galería, Maruja Mallo en Guillermo de Osma ou Lino Lago en Álvaro Alcázar son outros dos artistas con obra no evento que se celebra entre o 21 e o 25 de febreiro.
En paralelo, dáse o relevo da presenza galega en Justmad, cita alternativa que se desenvolve entre o 20 e o 28 de febreiro. Retorna ao encontro Marisa Marimón, logo de faltar na última cita, e caen da mesma Metro e Iskoo, o que supón un marcado retroceso a respecto do pasado ano.
En Art-Madrid, pola súa banda, recuncan as tres galerías do pasado ano entre o 21 e o 25 deste mes. Moret Art achegará ao encontro obra de Xurxo Gómez Chao, Iván Prieto, Lino Lago e Miguel Piñeiro. Luísa Pita contará con traballos de Arturo Álvarez, Christian Villamide e do sudafricano Pierre Louis Geldenhuys, mentres que na viguesa Montenegro estarán representados Jorge Barbi e Manolo Paz.
Finalmente, a galería Trinta mantén a súa aposta no encontro especializado en debuxo Drawing Room, con traballos de Miquel Mont, Berta Cáccamo e José Ramón Amondarain. Na feira, que se celebra tamén do 21 ao 25 de febreiro, poderá verse ademais o traballo de Chelo Matesanz no Espacio Olvera.