As galerías galegas manteñen a súa aposta polas alternativas a ARCO

A presenza na feira de arte redúcese a tres firmas do país

O vindeiro 24 de febreiro arrinca en Madrid a nova edición de ARCO, a Feira de Arte Contemporánea máis importante do Estado. Nesta xeira, como está a ser habitual nos últimos anos, haberá unha reducida presenza galega, xa que só Bacelos, PM8 e Ad Hoc (na sección #Soloprojects) participarán no evento. No entanto, mantense unha importante presenza galega nas citas artísticas que se desenvolven na cidade en paralelo a este gran evento. Así, ao encontro ArtMadrid acoden nesta ocasión a xa habitual Moret Art, da Coruña e mais a viguesa Montenegro, que toma o relevo de About Art. JustMad, pola súa banda, contará de novo coa presenza da ourensá Marisa Marimón á que se suma a compostelá Metro. Trinta, tamén de Compostela é a única proposta galega que se achega ao encontro Drawing Room. Falta na cita outro evento habitual destas datas en Madrid, Jäalphoto, que polo momento non anunciou a súas datas de celebración.