PM8 é a única galería galega que mantén presenza en ARCO

Consolídase a aposta de firmas galegas polas feiras alternativas que comezan esta semana en Madrid

Mañá, 27 de febreiro, abre as súas portas en Madrid a edición de ARCO, a feira contemporánea estatal, con menor presenza galega dos últimos anos. Unicamente a firma viguesa PM8 mantén a súa aposta por este espazo con obras de Rosalind Nashashibi e Algirdas Seskus dentro dunha estratexia de internacionalización que xa a levou a citas como Artissima en Turín e a Liste en Basilea. Bacelos, entidade con dupla sede na Cidade Olívica e en Madrid é a última baixa nunha cita que perdeu nos últimos anos o interese para os centros galegos de arte. Desaparece tamén no espazo de publicacións do encontro madrileño Latamuda e fica unicamente Dardo Magazine a representar a produción galega neste campo.

Fóra dos espazos do país, si se poderá ver na feira unha nutrida presenza de artistas galegos noutras galerías. Así, estarán presentes Antonio Murado en Álvaro Alcázar, Ángela de la Cruz en CarrerasMugica, Helga de Alvear, Krinzinger e Thomas Schulte. Álvaro Negro en F2 Galería, Christian García Bello e Rodríguez-Méndez en Formatocómodo, Maruja Mallo en Guillermo de Osma, Kiko Pérez en Heinrich Ehrhardt, Rubén Grilo en NoguerasBlanchard e María Ruido en Rosa Santos completan a nómina de creadores do país en espazos foráneos, mentres o compostelán José Castañal participará no evento como director da Galería Thaddaeus Ropac.

Fronte a esta mingua, semella que volta o interese das galerías galegas por JustMAD. A feira que abre hoxe as portas da súa décima edición, tamén en Madrid, conta de novo con Marisa Marimón, que levará ao evento a pintura de Tamara Feijoo e as fotografías de Antonio Guerra e Diego Opazo. Incorpóranse ao evento as compostelás Nordés, con obras de Pablo Barreiro, Rosendo Cid e Julia Huete, e mais Trinta, con traballos de Pamen Pereira, fotografías de Vari Caramés e Amparo Garrido e a pintura Mar Vicente. Retorna tamén á cita, logo da baixa do pasado ano, a tamén compostelá Metro, que achega obra de Ana Pérez Ventura.

En Art-Madrid, pola súa banda, estarán presentes a partir de mañá, e ao igual que no pasado ano, Luisa Pita con traballos de Mariajosé Gallardo, Dario Basso e María Ortega Estepa e mais a coruñesa Moret Art a achegar obras de Daniel Sueiras, Iván Prieto, Lino Lago, Miguel Piñeiro e Xurxo Gómez-Chao. Incorpórase ao evento About Art na sección One Project con Nuria Mora, mentres é baixa a viguesa Montenegro.

Como novidades, en Hybrid Art Fair debuta La Doce, galería de Boiro que conta con traballos de Natasha Lelenco, Luis Melón Arroyo, Luisa Álvarez e María Magán Lampón, mentres que en SAM (Salón de Arte Moderna) estará presente a viguesa Montenegro, que desembarca desde Art Madrid con Adolfo Schlosser, Rafael Zabaleta, Eduardo Chillida e Manolo Valdés. O abandono de Drawing Room por parte de Trinta deixa esta cita sen presenza galega.