
A programación ábrese hoxe con A casa do avó, de Tanxarina, mais o taller de monicreques Moita tea que cortar. Cándido Pazó é o autor e director desta historia, que dá comezo cando un neno recibe a noticia de que o seu avó vai quedar sen casa. Este espectáculo porase en escena hoxe e mañá. O venres 29 e o sábado 30 ofrécese o espectáculo Ela, de Caramuxo Teatro, mais o taller Mallo en decembro. A figura de Maruxa Mallo é o eixo central da nova montaxe de danza e teatro da compañía coruñesa, que crea un mundo fantástico a través da arte, as cores e o universo da gran pintora galega no ano en que a Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas. Na primeira semana de 2018 será a quenda de Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, e do taller Soa igual a diferencia. Neste caso, as funcións están programadas para o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro, ás 19.00 h, mentres que o obradoiro terá lugar nesas mesmas datas desde dúas horas antes das representacións.