Catorce espectáculos para o 14º MOTI

A cita familiar coas artes escénicas de Ourense comeza este sábado

O sábado ás 18 horas a compañía ourensá, Trécola, abrirá a 14ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI) na praza de San Martiño co espectáculo de rúa EMOTIonario. Outros nomes xa coñecidos das artes escénicas para crianzas en Galicia como Magín Blanco, A Gramola Gominola, Caramuxo teatro, Babobab Teatro ou matrioshka teatro ofrecen as súas montaxes xunto a compañías chegadas de Andalucía, caste e León, Cataluña ou Castela A Mancha ademais da representación internacional a cargo da compañía arxentina teatro de sombras de Valeria Guglietti que ofrecerá o seu espectáculo o 30 de decembro no Principal. O prezo das entradas aos recintos é de 3 e 4 euros. A MOTI chega así á súa 14ª edición fomentando o encontro de adultos e crianzas a través da escena. O evento, que se presentou onte no Liceo de Ourense, está dirixido por Fernando Dacosta de Sarabela teatro e xa é unha das citas obrigadas de Nadal para achegar as artes escénicas ao público familiar. Nesta edición da MOTI, entre o 23 e o 30 de decembro, faranse un total de 16 representacións de 14 espectáculos. O Auditorio, o Teatro Principal, o Campus Universitario, e as propias rúas da cidade acollerán o programa de propostas que van desde a danza, monicreques, teatro de sombras, teatro de autor, teatro para bebés e espectáculos propios de rúa.



Ligazóns