O público de Cineuropa premia a película 'L´insulte'

O Xurado Novo recoñeceu na cinta lusa 'A fábrica de nada' a mellor desta edición

O festival Cineuropa rematou o pasado día 28 e nesa mesma xornada coñecéronse os premios outorgados polo Xurado Novo, unha novidade estreada nesta edición, pero non foi ata finalizar o reconto dos votos que o público asistente ás diversas proxeccións foi deixando nas furnas que se puido engadir ao palmarés desta 31ª edición o Premio do Público. E non coinciden. A película gañadora desta 31ª edición de Cineuropa foi L'Insulte, de Ziad Doueiri, valorada polo público cun notable 8,56. O filme obtivo anteriormente o Premio ao Mellor Actor no Festival de Venecia 2017 e aborda a análise do conflito que leva anos enfrontando a palestinos e cristiáns libaneses. Pola súa banda, o Primeiro Xurado Novo de Cineuropa, composto por sete estudantes , decidiu outorgar o galardón ao mellor filme ao filme portugués A fábrica de nada (pedro Pinho, 2017), unha proposta musical sobre a deslocalización e desmantelamento dunha factoria. Este xurado outorgaba tamén outros seis premios. O seu premio especial foi para a película Tesnota / Closeness (Rusia, 2017), dirixida por Kantemir Balagov e o da Mellor Dirección foi para Lynne Ramsay por You were never really here / en realidade, nunca estiveches aquí (Reino Unido, Francia, Estados Unidos, 2017). O Xurado Novo tamén decidiu outorgar o Premio Dereitos Humanos, tan crucial dada a temática reivindicativa de loitas sociais desta edición, ao filme uruguaio- arxentino Estados clandestinos. un capítulo rioplatense de la operación cóndor (Marc Iglesias e Paula Monteiro, 2016). O Mellor Guión segundo eles foi o de Happy end do veterán Michael Haneke. Laetitia Dosch e Meinhard Neumann foron elexidos como os mellores actores polos seus roles nas películas Jeune femme (Montparnasse bienvenue) (Francia, 2017) e WESTERN (Alemaña, Bulgaria, Austria, 2017), respectivamente.